HOXE NA FESTA DA FABA VENDÉRONSE 1.700 QUILOS DA LEGUMINOSA E DEGUSTÁRONSE 450 RACIÓNS DE FABAS CON BACALLAU E GRELOS E DE FABADA TRADICIONAL

Na Festa da Faba de Lourenzá hoxe, sábado, vendéronse 1.700 quilogramos da leguminosa e degustáronse 450 de fabas con bacallau e grelos de fabada tradicional. O evento foi inaugurado pola alcaldesa, Rocío López García, quen destacou o traballo dos que colaboraron na organización e dos produtores da faba de Lourenzá.

A rexedora municipal explicou que hoxe “degustáronse 450 racións, 184 da receita de fabas con bacallau e grelos e 266 da fabada tradicional. E nas casetas vendéronse aproximadamente 600 quilos da variedade galaica seca, 800 da galaica verde e 300 da verdina”. Tamén destacou o “éxito da concentración de Vespas e outros vehículos clásicos, con preto de 30 participantes”.

No seu discurso de inauguración, Rocío López manifestou: “esta é a miña primeira Festa da Faba como alcaldesa deste pobo. Eu, ao igual que a faba, nacín no corazón do Val, medrei e crieime nas terras onde medra a nosa prezada Faba de Lourenzá. É por iso que hoxe síntome orgullosa de ter a honra de presidir este acto de inauguración da vixésimo quinta edición da Festa da Faba de Lourenzá. A través destas palabras fágome eco do sentir dos que sodes os verdadeiros protagonistas deste evento: os produtores e fabeiros, que cada día traballades arreo. A todos vós, que coidades e mimades con cariño e esmero esta xoia, quero transmitirvos, como alcaldesa de Lourenzá, o meu máis sincero agradecemento pola brillante e recoñecida labor que realizades en torno á produción da faba. Porque a Faba de Lourenzá non é so un nome, non é só isto que vemos hoxe aquí nas casetas, que loce tan bonita. Detrás de todo isto hai unha importante labor que enmarca horas e horas de suor e de traballo moitas veces baixo condicións climatolóxicas extremas; un traballo que moitas veces non é recoñecido como realmente se merece, pero un traballo diario que contribúe a xerar un valor engadido que fai que a Faba de Lourenzá sexa verdadeiramente dunha calidade excelente é única”.

A alcaldesa engadiu: “aos poucos días de entrar no goberno púxenme mans a obra na programación deste evento, foron moitas horas de reunións e de darlle voltas as cousas, pero todo traballo trae consigo a súa recompensa e hoxe síntome contenta e orgullosa de que a XXV edición da Festa da Faba ofreza unha programación cun amplo abano de actividades. Claro está que este resultado non sería posible sen a colaboración de todas aquelas persoas que, dun xeito directo ou indirecto, participaron na organización do evento e colaboraron para que todo isto fose posible. Quero agradecer dun xeito especial a Miguel e a María José por todas as horas que dedicaron a axudarnos; e tamén a todos os meus compañeiros de goberno, que puxeron todo o seu empeño na organización desta festa. Quero tamén dar as grazas a todo o persoal municipal, que traballou ao longo destes días nos preparativos e que está a traballar durante toda esta fin de semana para que todo saia segundo o previsto. Para todos eles a mina noraboa polo brillante traballo que están levando a cabo, porque sen eles nada disto seria posible. Non podo pasar por alto a importante tarefa que desempeñaron os rapaces e rapazas da Asociación Conde Santo, que organizaron a festa do San Marcial, que se celebra coincidindo con esta Festa da Faba. Eu quero animarvos a que sigades facendo cousas polo pobo igual que fixestes ata o de agora. Sodes rapaces novos con ganas e ilusión e á vista está o resultado do voso traballo. Remato xa cunhas palabras de agradecemento a tódolos establecementos hostaleiros da zona, que contribuíron patrocinando a actuación musical do venres e promovendo o noso produto ofrecendo tapas de fabas ao longo de toda esta fin de semana”.

E rematou comentando: “como alcaldesa de Lourenzá invítovos a todos a asistir a esta cita gastronómica que se celebra aquí, no noso concello, e anímovos a participar nas distintas actividades que están programadas para toda esta fin de semana. Esta non é a miña festa, é a festa de todos vós, a festa de Lourenzá e de tódolos laurentinos. Tanto eu como toda a xente que participou na organización de tódalas actividades ligadas a este evento puxemos todo o noso empeño e toda a nosa ilusión para que todo saíse o mellor posible. Espero e desexo que todo este traballo dese os seus froitos e gocedes moito de toda a programación que está preparada para esta edición. E, sobre todo, que a XXV edición da Festa da Faba contribúa dun xeito moi positivo a que cada ano a Faba de Lourenzá se vaia constituíndo como un referente e sexa unha cita gastronómica e cultural das máis importantes non só de Galicia senón tamén doutros lugares de España”.