INICIADAS AS OBRAS DUNHA ESCOLLERA NO LUGAR DA TILLEIRA (LOURENZÁ) TRAS OS DANOS PRODUCIDOS POLA CHOIVA A FINAIS DE 2014. FORON SUPERVISADAS POLA ALCALDESA, ROCÍO LÓPEZ

Lourenzá, 10 de agosto de 2015. A Xunta de Galicia iniciou as  obras de construción dunha escollera que permitirá mellorar os accesos ao lugar da Tilleira, na parroquia de Santa María. As choivas caídas no termo municipal de Lourenzá o pasado mes de decembro de 2014 fixeron que o talude desta estrada se desprendese  e a vía  que da acceso ao barrio da Tilleira quedase case totalmente descolgada,  o que supoñía un perigo para vehículos e viandantes, explicou a alcaldesa, Rocío López. 

A rexedora supervisou o inicio dos traballos, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Rural, Miguel Castrillón. “Trátase dunha vía por onde a diario acoden a pasear moitos veciños e veciñas de Lourenzá e por onde discorre moito tráfico rodado. As obras afectan  a un camiño público de titularidade municipal, coñecido comunmente por ruta do colesterol. Dende o meu primeiro día como alcaldesa levo preocupándome por este tema e son consciente de que era unha das actuacións urxentes e  prioritarias que necesitaba o concello de Lourenzá; por iso estou contenta de que por fin se estean a realizar estas obras”, declarou Rocío López.

Ademais a alcaldesa aproveitou a ocasión para dar conta de outras actuacións pendentes: “existen a día de hoxe dous camiños públicos de titularidade municipal que están cortados polo derrubamento de dúas pontes, tamén a consecuencia desas riadas do pasado mes de decembro. Unha delas é a ponte de Gallardo, na parroquia de San Adriano,  e outra a ponte sobre o rego de Entrepenas, na parroquia de Santo Tomé. Dende o Concello de Lourenzá seguimos traballando e insistindo na necesidade e urxencia  da construción desas pontes; e esperamos que canto antes se podan levar a cabo esas obras”. 

INICIADAS AS OBRAS  DUNHA ESCOLLERA NO LUGAR DA TILLEIRA (LOURENZÁ) TRAS OS DANOS PRODUCIDOS POLA CHOIVA A FINAIS DE 2014. FORON SUPERVISADAS POLA ALCALDESA, ROCÍO LÓPEZ