AS INUNDACIÓNS CAUSARON IMPORTANTES DANOS MATERIAIS, A MORTE DE ANIMAIS E O DESALOXO DAS PERSOAS RESIDENTES EN DÚAS VIVENDAS

As inundacións como consecuencia das intensas chuvias rexistradas dende a noite de onte causaron importantes danos materiais, a morte de animais e o desaloxo das persoas residentes en dúas vivendas do municipio de Lourenzá. Así o explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, despois de percorrer os lugares máis afectados.

“No casco urbano de Vilanova de Lourenzá desbordouse o rego de Recemil, polo que levo moito tempo facendo xestións co Ministerio de Fomento xa que dende que se fixo a autovía canalizouse moita auga e fíxose unha balsa para recollela, pero non é suficiente e as canalizacións que construíron ocasionan que a conca aumente considerablemente. As augas veñen canalizadas dende Arroxo por distintas canles ata entrar en Vilanova de Lourenzá pola rúa Obispo Villaroel e xusto alí desbórdase. Hoxe as consecuencias foron inundacións en tres vivendas e na antiga fábrica de Muebles Hermida. Tamén se inundou un garaxe doutro inmoble”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que o río Baos “desbordouse xusto na Ponte da Pedra e causo a inundación dunha casa e das cuadras doutra; nestas había animais que tiveron que ser desaloxados para evitar a súa morte. Ademais o Baos causou asolagamentos en tres casas na parroquia de San Xorxe: unha no lugar da Pena, onde morreron varios animais afogados e houbo danos en electrodomésticos. Neste lugar hai unha ponte bastante estreita, que haberá que substituíla. No lugar do Machuco houbo que desaloxar a dúas persoas maiores residentes en sendas casas, que foron atendidas polos Servizos Sociais e prevese que poidan regresar ás súas vivendas nas vindeiras horas. Tamén houbo danos en Santo Tomé, pero alí foron arranxados polos propios veciños sen que tivesen que actuar os bombeiros”.

A alcaldesa explicou que ademais houbo danos causados por desprendementos de terra: “nunha casa de San Xorxe entrou a auga no garaxe e dous coches tiveron que sacalos cunha grúa; a estrada que bordea Vilanova polo mercado gandeiro e pola Tilleira estivo cortada durante varias horas por dous desprendementos de terra, un deles ocasionado probablemente porque, segundo explicaron os veciños, unha das cunetas estaba atascada con madeira polo que se fixo unha bolsa de auga e tirou o terraplén, o que levou o muro dunha casa, unha farola e causou outros danos”.

A rexedora lamenta o ocorrido e asegurou que seguirá insistindo diante de Augas de Galicia e do Ministerio de Fomento para que se tomen medidas canto antes co fin de evitar que se repitan estes problemas.

Emma Álvarez deu as grazas aos voluntarios da agrupación local de Protección Civil e ao persoal do parque de bombeiros de Barreiros e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova, así como as patrullas da Garda Civil de Mondoñedo, de Foz e de Burela.

AS INUNDACIÓNS CAUSARON IMPORTANTES DANOS MATERIAIS, A  MORTE DE ANIMAIS E O DESALOXO DAS PERSOAS RESIDENTES EN DÚAS VIVENDAS
AS INUNDACIÓNS CAUSARON IMPORTANTES DANOS MATERIAIS, A  MORTE DE ANIMAIS E O DESALOXO DAS PERSOAS RESIDENTES EN DÚAS VIVENDAS
AS INUNDACIÓNS CAUSARON IMPORTANTES DANOS MATERIAIS, A  MORTE DE ANIMAIS E O DESALOXO DAS PERSOAS RESIDENTES EN DÚAS VIVENDAS