A IV CONCENTRACIÓN VESPAFABA E CLÁSICOS LOURENZÁ CELEBRARASE DO 5 AO 7 DE OUTUBRO COINCIDINDO COA FESTA DA FABA

A cuarta edición da Concentración VespaFaba e Clásicos Lourenzá terá lugar do 5 ao 7 de outubro, coincidindo coa celebración da Festa da Faba. Haberá rutas polo val e polos municipios de Xove, Trabada e Riotorto, ademais de xincana, trofeos, agasallos e os asistentes gozarán da gastronomía local. O evento foi presentado en Lourenzá cun acto no que participou a alcaldesa, Rocío López.

O portavoz da organización da IV Concentración VespaFaba e Clásicos Lourenzá, Fran Rivas, lembrou que “desde o ano 2015 empezamos a reunirnos coas vespas, as motos e os coches clásicos e este ano repetimos. A concentración é o sábado 6 e o domingo 7, pero imos empezar con actividades o venres porque hai xente que xa ven ese día, así que improvisamos unha ruta nocturna en scooters e coches clásicos. Imos ir ao concello de Xove, onde hai unha festa dos callos”.

Fran Rivas tamén explicou que “o sábado é o día dos scooters e das motos clásicas: vespas, lambrettas e motos clásicas en xeral. Reunirémonos na avenida Fernández del Riego e sobre as once sairemos de ruta en dirección Barreiros, onde pararemos en Mesón O Antiguo, e despois iremos en dirección Trabada e Riotorto rodeando o val de Lourenzá. Á volta meterémonos no val polo interior e acabaremos en Lourenzá, na Festa da Faba, e sobre a unha e media comeremos na carpa de Bar Pitero e faremos un sorteo de regalos para os participantes. Pola tarde, sobre as tres e media, imos facer unha xinkana que nos anos sesenta se facían moito e agora estamos intentando recuperalas. Os compañeiros de Vespa Lugo, cos que eu tamén estou, van vir participar”.

Rivas engadiu que “o domingo 7 é o día dos coches e dos vehículos clásicos en xeral. Sobre as nove e media teremos a recepción e a exposición de vehículos na avenida Fernández del Riego. Ás once será a saída á ruta etnográfica que temos este ano, que é moi bonita: iremos ao Mazo de Ferreiravella, en Riotorto, onde teremos unha demostración dos oficios dos ferreiros e disfrutaremos da preciosa contorna. Despois por cortesía do Concello de Riotorto, que colabora con nosoutros, tomaremos uns pinchos e regresaremos á Festa da Faba. En Lourenzá teremos a comida no restaurante La Unión, onde entregaremos os trofeos e teremos un gran sorteo de regalos doados todos polos comerciantes e as empresas que colaboran con nós. Despois da comida haberá unha charla coloquio con Jorge Aguirre, que é o noso socio máis internacional e este ano fixo Xixón-Moscú nun Citroën Dyane 6 e vainos contar as aventuras e desventuras dese periplo”.

Sobre o número de participantes na IV Concentración VespaFaba e Clásicos Lourenzá, Fran Rivas declarou que “o ano pasado tivemos sobre cen inscritos e para esta edición non o temos moi concretado aínda porque agora mesmo hai moitas concentracións por todos os lados. Aquí coincide moi ben porque é na Festa da Faba, pero de momento non podo dicir os que somos porque non o temos concretado. Podo adiantar que teremos xente de Asturias, Pontevedra, Ourense, Coruña, Lugo, e incluso algúns que se desprazan desde Madrid e Salamanca”.