O Concello de Lourenzá tramita dende esta semana as solicitudes de axudas da Consellería de Traballo e Benestar para poder acceder ás prestacións económicas de pagamento único para pais con fillas e fillos menores de 3 anos. O prazo de solicitude estará aberta ata o 14 de marzo. Os interesados poden recibir máis información ou facer os seus trámites nas oficinas dos Servizos Sociais Municipais de Lourenzá, situados no Torreón dos Frades.
Tal e como informou a alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, "de acordo co disposto na Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establece a prestación económica de pagamento único por fillo a cargo de menos de 3 anos de idade, dende o Concello queremos animar a que todas as persoas que cumpran os requisitos necesarios a que formalicen as súas solicitudes a través da nosa traballadora social ou educadora familiar no Torreón dos Frades. Os requisitos son que se trate de pais que teñan residencia habitual en Galicia e que convivan cos seus fillos na data da realización da solicitude. Ademais, cabe resaltar que serán beneficiarias desta prestación aquelas persoas que non teñan feita a declaración da renda do exercicio 2013".
A rexedora municipal engadiu que "os beneficiarios deberán ter fillos menores de 3 anos a día 1 de xaneiro de 2015, o que quere dicir que nacesen entre o 2 de febreiro do 2012 e o 1 de xaneiro do 2015. Se os pais están separados ou divorciados, deberán ter a custodia dos fillos e se se trata de estranxeiros que residen en Galicia deberán cumprir as condicións da Lei Orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros".
A documentación a entregar consistirá na solicitude descargada da sede electrónica e correspondente ao modelo formalizado para esta convocatoria, unha fotocopia do DNI/NIF do solicitante ou do seu cónxuxe ou parella, unha fotocopia do libro de familia ou certificado de nacemento do rexistro civil de cada menor de 3 anos, unha fotocopia da folla da cartilla de aforros do solicitante como titular e un certificado do número de membros da unidade familiar.