O Concello de Lourenzá tramita dende esta semana as inscricións para que os veciños maiores de 60 anos que así o desexen poidan anotarse no programa de Termalismo Social anual subvencionado polo IMSERSO. Os interesados poderán solicitar a súa inscrición neste programa termal poñéndose en contacto coa traballadora social do Concello, en horario de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas, nas dependencias municipais do Centro de Servizos Sociais O Torreón. A documentación que deberán presentar será o modelo correspondente de solicitude, debidamente cumprimentado, así coma unha acreditación dos datos económicos do solicitante e do seu conxugue se o tivese.
Dende a Concellería de Asuntos Sociais de Lourenzá aclaran que o prazo de solicitude varía en función do semestre no que os veciños queiran gozar deste programa termal. Os que queiran participar entre os meses de febreiro e agosto de 2015 deberán anotarse antes do día 16 de xaneiro, mentres os que desexen facelo de setembro a decembro de 2015 terán que inscribirse antes do 28 de maio do vindeiro ano. Con todo as listas de espera permanecerán abertas ata o día 30 de outubro. Coma en anos anteriores, os requisitos para participar no programa de Termalismo Social do IMSERSO son: ser pensionista de invalidez ou xubilación da Seguridade Social, ter máis de 60 anos cando a pensión sexa de viuvez ou outra diferente ás anteriormente mencionadas, non padecer trastornos mentais graves, nin enfermidades infecto -contaxiosas e valerse por si mesmo para levar a cabo actividades da súa vida diaria.