O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acollerá do 4 ao 6 de setembro un curso de verán sobre Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX.
A organización explica que “o obxectivo do curso é analizar a traxectoria, a obra e a achega de Francisco Fernández del Riego, como activista, intelectual, estudoso e escritor, nos seus sucesivos contextos históricos, e en relación cos fenómenos sociais e os proxectos políticos e culturais en que se implicou: a IIª República (movemento estudantil universitario e Partido Galeguista), a guerra civil, a ditadura franquista (resistencia política e cultural, Editorial Galaxia, Fundación Penzol e revista Grial, relación coa diáspora galeguista) e a autonomía”.
O director do curso é Henrique Monteagudo e da secretaría ocúpase Alejandro Alonso Nogueira. Terá unha duración de 17 horas e a matrícula está aberta ata o 24 de agosto. O número total de prazas dispoñibles é de 30.