LOURENZÁ ACOLLERÁ UNHA REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE A PROBLEMÁTICA QUE AFECTA ÁS PLANTACIÓNS DE PATACAS NESTE CONCELLO, COMO NOUTROS MOITOS. PERO A ALCALDESA ACLARA QUE OS VECIÑ@S QUE PREGUNTARON POR ESTE ASUNTO XA RECIBIRON EXPLICACIÓNS

Lourenzá acollerá unha reunión informativa sobre a problemática que afecta ás plantacións de patacas neste concello, como noutros moitos da zona. Así o manifestou a alcaldesa, Rocío López, que tamén aclarou que os veciños e veciñas que preguntaron por este asunto xa recibiron explicacións.

A rexedora municipal dixo que “Lourenzá non é allea a esta problemática que esta a afectar á pataca neste concello, igual que noutros da Mariña. No noso municipio por suposto que se celebrará algunha reunión informativa dando a coñecer esta realidade e que medidas se deben adoptar. Neste senso ó longo destas últimas semanas xa se informou a moitos veciños e veciñas de Lourenzá que se interesaron persoalmente e por telefono por este tema”.

Pero a alcaldesa lamenta que “unha vez máis a portavoz municipal do PP, a señora Álvarez, utilice algo tan serio como é a praga da couza que afecta á nosa pataca para facer de novo política”

Ademais Rocío López aclara que “dende o Concello faranse todas as xestións que sexan necesarias para manter informados ós veciños de primeira man”, pero lamenta que “estas charlas organizadas pola Xunta de Galicia cheguen con retraso, pois moitos veciños xa teñen mercada a semente da pataca para este ano e outros incluso xa a teñen cultivada”.

A rexedora rematou engadindo que “o Concello está a facer o seu labor, que non é outro que intentar solucionar os problemas dos cidadáns; non como a portavoz da oposición, que segue ás andadas utilizando calquera tema que afecta ós nosos veciños para facer política barata da súa e propaganda”.