Este venres, día 17, presentouse en Lourenzá unha visita guiada arredor da figura de Francisco Fernández del Riego. No acto participaron membros da Mesa Coordinadora Don Paco; o presidente da Mancomunidade de municipios da Mariña, Fran Cajoto; representantes do CEIP Juan Rey e do instituto San Rosendo e directivos das distintas asociacións do concello, que iniciaron o percorrido na exposición 110 Anos de Del Riego, visionaron un documental sobre a figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, percorreron varias rúas e prazas da vila seguindo as explicacións dunha audioguía coa voz ficcionada de Del Riego, visitaron a igrexa parroquial e o sarcófago do Conde Santo e remataron a visita na exposición de xoguetes tradicionais ubicada en dependencias do Mosteiro de San Salvador.
O concelleiro de Cultura en Lourenzá, Manuel Arango Ron, explica que “esta visita guiada funcionará durante todo o ano e para que tanto veciños como grupos de visitantes ou de escolares podan realizala deberán dirixirse á oficina de turismo do Concello de Lourenzá para reservar día e hora”.