LOURENZÁ TERÁ UNHA AMPLA PRESENZA NAS XORNADAS TÉCNICAS DA FEIRA DE DESENVOLVEMENTO QUE SE CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA NO MUNICIPIO CORUÑÉS DE AMES

Lourenzá, 26 de novembro de 2015. O concello de Lourenzá terá unha ampla presenza nas xornadas técnicas que se organizan  na Feira de Desenvolvemento A Forza do Local, que se celebrará esta fin de semana, os días 27 e 28 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, no municipio coruñés de Ames.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, participará como relatora o sábado 18 na mesa redonda A Forza do Local: dimensións políticas e técnicas. Ademais o concello de Lourenzá presentará catro proxectos locais innovadores: o primeiro é o da Sociedade Cooperativa Galega Terras da Mariña, que comercializa Faba de Lourenzá, que se poderá degustar na feira. Expoñeranse ademais a experiencia de posta en valor do patrimonio local na Fortaleza de Tovar e o proxecto Cartoy Pro-Apoyo, unha iniciativa emprendedora de mellora da calidade de vida das persoas maiores. Os asistentes á feira tamén poderán coñecer a Gradicela Arquitectas, unha empresa de servizos baseada na sustentabilidade e o aforro enerxético.

Organizada pola Asociación Finisterrae de profesionais de desenvolvemento local (Afiprodel-Galicia), cofinanciada pola Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Ames, nesta feira concéntrase un importante programa de encontros, relatorios, roldas de comunicación e mesas redondas que tratarán temas relacionados co desenvolvemento local. O evento conta cunha exposición que pode visitarse no Pazo da Peregrina o sábado dende as 10:00 ata as 20:00 horas, e nela poderán atoparse varias iniciativas de municipios e entidades da provincia de Lugo. 

A finalidade destas xornadas é amosar e por en valor as boas prácticas en desenvolvemento local realizadas no territorio galego. A alcaldesa de Lourenzá participará como relatora na mesa redonda A Forza do Local: dimensións políticas e técnicas, que se celebrará na tarde do sábado.

Rocío López destacou que “Lourenzá non pode faltar a esta cita, que é unha oportunidade de dar a coñecer o importante labor que desempeña o Concello no seu traballo de posta en valor de proxectos emprendedores no local. A miña presenza e participación nesa xornada ten como finalidade divulgar as políticas e actuacións municipais en promoción económica e emprendemento. É un intercambio de opinións entre representantes de diversos concellos para reflexionar sobre as competencias locais e o papel dos servizos locais dedicados a estes ámbitos de actuación”.