MAÑÁ EMPEZARÁ O ARRANXO DA PONTE DE SENDÍN SOBRE O RÍO BATÁN NO VIAL COÑECIDO COMO CAMIÑO A, QUE ESTARÁ CORTADO Ó TRÁFICO MENTRES SE EXECUTEN ESTAS OBRAS COSTEADAS POLA XUNTA DE GALICIA

Lourenzá, 29 de xullo de 2013. Mañá, martes, empezarán as obras de arranxo da ponte de Sendín, sita no vial coñecido como Camiño A ao seu paso por encima do río Batán, “grazas ó apoio que a Xunta de Galicia brinda ó Concello de Lourenzá”, destacou hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen anunciou que a estrada estará cortada ao tráfico mentres se executen os traballos.

A mellora da ponte ten un presuposto de 47.343,61 euros, que será custeado polo ente público autonómico Augas de Galicia. Segundo explica a rexedora, “esta estrada permanecerá pechada durante o tempo que dure a obra, que pode ser entorno a un mes ou mes e medio, como me fixeron saber o subdirector de Programación e Proxectos de Augas de Galicia, Roberto Arias, e o construtor que vai a levar a cabo a obra, na súa visita de hoxe a Lourenzá”.

Con esta obra queda patente, como destaca Emma Álvarez, que “a Xunta de Galicia apoia ó Concello en canto a este vial, non como fai a Deputación de Lugo, pois hai que recordar que cando estaba para facer un intercambio de titularidade por un tramo de estrada provincial, máis urbano, ponnos unhas esixencias que non estaban contempladas nos acordos plenarios adoptados por unanimidade de tódalas forzas políticas tanto no Concello de Lourenzá como na Deputación de Lugo. Sáennos con esta pataleta de que temos que deixar o vial en perfecto estado, é dicir facer unha intersección coa estrada autonómica, así como tamén un aglomerado en quente en todo o Camiño A. Isto non era o fin para o que se pediu este cambio de titularidade posto que, como todos os veciños saben, o motivo polo cal dende o ano 2005 se iniciaron estes trámites foi precisamente porque esta estrada ten maior tránsito rodado e é máis de xustiza que a colla a Deputación de Lugo e se faga cargo das obras de mantemento”.

A alcaldesa remata anunciando que “unha vez que teñamos arranxada esta ponte seguiremos insistindo, a ver se chegamos a un acordo coa Deputación de Lugo, cousa que vexo moi complicada polo sectarismo político que están a manifestar dende dito organismo”.