MATO APOSTA POR SEGUIR IMPULSANDO A PROTECCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DA FABA DE LOURENZÁ

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na inauguración da Festa da Faba
  • Destacou a evolución deste produto desde que obtivo o recoñecemento da Indicación xeográfica protexida
  • Subliñou o apoio do departamento autonómico ao proxecto de cooperativa que está impulsando un grupo de produtores da faba de Lourenzá

Lourenzá (Lugo), 5 de outubro de 2013.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por seguir impulsando a protección e comercialización da Faba de Lourenzá, que cualificou como “o mellor embaixador” deste concello.

A titular do departamento autonómico realizou estas declaracións durante a súa participación na inauguración da Festa da Faba,.

Mato lembrou que a Xunta declarou hai cinco anos á Faba de Lourenzá como “Indicación xeográfica protexida”, unha distinción que contribúe a protexela asegurando uns estándares de calidade e garante que sempre se adquira “debidamente etiquetada e diferenciada”.

“A evolución desde a súa distinción ten sido un éxito”, resaltou a conselleira, quen precisou que a produción protexida ten crecido en máis dun 100 por cento desde 2009, ata acadar os case 8.000 quilos o ano pasado.

Con todo, considerou que é preciso seguir traballando pola súa protección e pola súa comercialización. Neste sentido, destacou o proxecto de cooperativa que está a desenvolver un grupo de produtores da faba de Lourenzá.

Esta cooperativa aposta pola “colaboración e a coordinación” cun obxectivo: establecer un modelo de negocio claro e que potencie a comercialización da faba. Para avanzar nesta liña, a Consellería de Traballo e Benestar está a ofrecer “todo o apoio, información e asesoramento” para a posta en marcha desta fórmula empresarial.

Este modelo vai permitir “aumentar a produción, aprender da experiencia dos outros, apostar pola innovación e, en definitiva, producir cada vez máis e mellores fabas”. Todo isto, engadiu, repercutirá en postos de traballo e actividade económica para o concello e a comarca.