MEDIO CENTENAR DE PERSOAS RECIBIRON EXPLICACIÓNS SOBRE AS VANTAXES DA SILVICUTURA E AS AXUDAS PARA REALIZAR ESES TRABALLOS NOS MONTES

Lourenzá, 23 de outubro. Medio centenar de persoas recibiron explicacións sobre as vantaxes da silvicultura e as axudas das administracións para realizar eses traballos nos montes na charla organizada polo Concello de Lourenzá celebrada este pasado martes. Correu a cargo do xefe do Servizo de Montes da Consellería de Medio Rural en Lugo, Ramón Rozadillas, que foi presentado pola alcaldesa laurentina, Emma Álvarez.

O representante da Xunta de Galicia deu a coñecer que no caso do municipio de Lourenzá as subvencións son do 50 por cento do investimento que se faga en plantacións de coníferas, frondosas, castiñeiros e eucaliptos con quendas de polo menos 25 anos para realizar rareos, podas, trituración de restos de biomasa e outros traballos. As axudas están dirixidas a sociedades de fomento forestal, comunidades de montes, montes de varas e particulares que teñan unha hectárea de terreo como mínimo.

Ramón Rozadillas tamén explicou a importancia da silvicultura para mellorar a rendibilidade das plantacións forestais e animou aos propietarios a unirse para facer unha xestión conxunta dos montes a través de sociedades de fomento forestal, porque no concello de Lourenzá hai moito minifundismo.

En Lourenzá está o primeiro monte de varas constituído despois da entrada en vigor do nova lei de montes de Galicia.

MEDIO CENTENAR DE PERSOAS RECIBIRON EXPLICACIÓNS SOBRE AS VANTAXES DA SILVICUTURA E AS AXUDAS PARA REALIZAR ESES TRABALLOS NOS MONTES