MEMBROS DA CORPORACIÓN, TRABALLADORES MUNICIPAIS, VECIÑOS E TURISTAS GARDARON ESTE MEDIODÍA CINCO MINUTOS DE SILENCIO PERANTE Á CASA CONSISTORIAL POLAS VÍTIMAS DO ACCIDENTE FERROVIARIO DE SANTIAGO

Lourenzá, 26 de xullo de 2013. O Concello de Lourenzá sumouse hoxe á iniciativa da FEGAMP e organizou para este mediodía unha concentración de cinco minutos en silencio perante á Casa Consistorial polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago.

A alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, expresou que “o triste suceso acontecido na tarde noite do pasado mércores tinguiu de tristura o Día de Galicia e mantén consternado a todo o planeta e, como non podía ser doutro xeito, tamén ós veciños de Lourenzá”.

Por ese motivo “no día de hoxe sumámonos á iniciativa da FEGAMP e gardamos cinco minutos de silencio perante á nosa Casa Consistorial. Estivemos acompañados por traballadores do Concello, outros veciños e incluso algún turista que estaba pola zona”, comentou Álvarez Chao.

Ademais as bandeiras da Casa do Concello de Lourenzá ondean a media asta e con crespón negro desde onte, xoves.

concello lourenza