A NENA ANTÍA LILLO IRIMIA, LAURENTINA DE 10 ANOS, FOI A GAÑADORA DO PRIMEIRO CONCURSO CONVOCADO PARA ELIXIR O CARTEL DA FESTA DA FABA. A IMAXE UTILIZARASE PARA DIFUNDIR O FESTEXO, QUE SE CELEBRARÁ DO 4 AO 6 DE OUTUBRO

Lourenzá, 17 de setembro de 2013. A nena laurentina Antía Lillo Irimia, de 10 anos e alumna do colexio Juan Rey, foi a gañadora do primeiro concurso convocado polo Concello de Lourenzá e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos local para elixir o cartel anunciador da Festa da Faba. A imaxe utilizarase en todo o material gráfico que se faga para difundir a 23ª edición do festexo, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou esta mañá que “dende o Concello de Lourenzá vimos de facer público o nome da persoa gañadora do primeiro concurso de carteis conmemorativo da Festa da Faba. Será un cartel identificativo de todos os eventos que se inclúan na programación da 23ª Festa da Faba, que se vai celebrar os vindeiros 4,5 e 6 de outubro. Será a imaxe que utilizaremos para difundir o festexo en toda a cartelería e publicidade que se faga da mesma”.

Lupe Flórez lembrou que o premio foi convocado “a nivel infantil” e deu a coñecer que a gañadora é Antía Lillo Irimia: “unha nena laurentina de 10 anos, que cursa os seus estudios no Ceip Juan Rey, de Lourenzá. Unha vez presentado o cartel desvelarase o traballo premiado”.

A edil destacou que “era a primeira vez que se convocaba un concurso de carteis conmemorativo da Festa da Faba. Nesta ocasión o Concello de Lourenzá, organizador do evento, contou coa colaboración da asociación de comerciantes, industriais e autónomos laurentina, que aporta parte do premio establecido para o concurso. O Concello agasallará á nena premiada cun obxecto conmemorativo da Festa da Faba e a Acia laurentina entregaralle unha serie de vales de compra por un total de 50 euros para gastar no comercio de Lourenzá”.

A entrega deste premio levarase a cabo durante a celebración da Festa da Faba.