A NOVA ALCALDESA AGRADECEU O TRABALLO DO ANTERIOR EQUIPO DE GOBERNO E ANUNCIOU QUE QUERE SER A REXEDORA DE TOD@S, DA PARTICIPACIÓN E DA TRANSPARENCIA

No seu discurso de toma de posesión, celebrado no mediodía de hoxe, a nova alcaldesa de Lourenzá, a socialista Rocío López García, agradeceu o traballo realizado polo anterior equipo de goberno municipal e anunciou que quere ser a rexedora de todos e de todas, da participación e da transparencia.

“Quero dar as grazas ó anterior equipo de goberno, á anterior alcaldesa, Enma, a Dino, a Vidal, a Lupe, a Pablo e a Toto.....Grazas por estes anos de traballo e dedicación e por todas as cousas que conseguistes para Lourenzá”, manifestou Rocío López, quen engadiu que “é para min un gran honor ser a primeira alcaldesa socialista da historia de Lourenzá. Pero non quero pasar á historia deste Concello só por iso. Quero ser a alcaldesa de todos e de todas, quero ser a alcaldesa da participación e da transparencia. Quero ser unha alcaldesa próxima ó pobo, quero ser a alcaldesa amiga. Quero seguir sendo a mesma persoa que fun ata hoxe, a vosa veciña, a vosa amiga, a que fala con vós na rúa, a que vos escoita, unha veciña máis... Simplemente esa persoa que os veciños escollestes para que vos represente a vós e a Lourenzá, pero esa persoa que nunca esquecerá de onde veu. E se algún día me desvío deste camiño, compañeiros e compañeiras, veciños e veciñas, facédemo saber, non dubidedes en dicirme que estou equivocada e que ese camiño non é o correcto, porque eu, sen dúbida, vos estarei agradecida”.

A nova alcaldesa comentou ademais: “hoxe quero comprometerme aquí e tender a miña man aos grupos políticos da oposición. Dende aquí agradeceremos e apoiaremos todas aquelas propostas e iniciativas que redunden en beneficio dos nosos veciños e veciñas. Para rematar quero ter un recordo especial para todos os compañeiros e compañeiras que nos precederon como representantes socialistas nas anteriores corporacións. Eles tamén son os responsables de que hoxe teñamos unha alcaldesa socialista. Este recordo é máis especial para aqueles e aquelas que xa non están con nós e que alá onde estean seguro que se sentirán felices e orgullosos. Quero tamén recordar aquí a recente desaparición dun concelleiro exemplar, Pedro Zerolo, loitador incansable a favor dos dereitos sociais e da liberdade. Un político honrado que coa súa palabra foi capaz de facer revolución social. Un exemplo sen dúbida a seguir por todo nós”.

Descargar discurso en PDF

A NOVA ALCALDESA AGRADECEU O TRABALLO DO ANTERIOR EQUIPO DE GOBERNO E ANUNCIOU QUE QUERE SER A REXEDORA DE TOD@S, DA PARTICIPACIÓN E DA TRANSPARENCIA