Lourenzá, 19 de xullo de 2013. O 25 de xullo, Día de Galicia, Lourenzá lembra a Fernández del Riego coa reedición do Roteiro Literario que non se fixo o 17 de maio pasado debido ao mal tempo e a lectura dun manifesto que Don Francisco xa proclamara dende o balcón da actual Casa do Concello no ano 1931.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “dende o Concello de Lourenzá, co gallo da celebración do día de Galicia o vindeiro xoves 25 de xullo, presentamos un acto enmarcado dentro da exaltación do día da nosa comunidade autónoma. Pretendemos nesta ocasión non só facer unha homenaxe a Galicia, senón tamén dentro dos actos do ano de Fernández del Riego que vimos de establecer neste 2013, incluír unha actividade específica neste sentido. Trátase do manifesto que no ano 1931 dende o balcón do que hoxe son as oficinas da Casa do Concello leu Don Francisco Fernández del Riego, un manifesto que permaneceu inédito practicamente ata os nosos días e que chega a nós grazas á doazón dunha copia por parte da Fundación Penzol, que o custodiaba. Aparte deste acto simbólico, onde tratamos de lembrar a un dos laurentinos máis ilustres e galeguista por excelencia, tentaremos tamén reproducir nesta ocasión a actividade que en certa maneira quedara frustrada o Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, aquel roteiro literario que debido ás inclemencias meteorolóxicas daquelas datas tivo que realizarse no salón de actos. Neste día, xoves 25, retomarémolo e trataremos de levalo a cabo no exterior, como estaba previsto inicialmente para a súa celebración”.
Lupe Flórez convida “a tódolos laurentinos e persoas do entorno que nos queiran acompañar nesa data a xuntarnos o xoves ás 11 da mañá na praza do Conde Santo para dar inicio nun primeiro momento ao desenrolo do roteiro literario, que terá lugar nuns puntos específicos de Lourenzá onde leremos textos alusivos que Don Francisco Fernández del Riego fixo deses lugares da nosa vila. Temos previsto que poida alongarse ata as dúas horas de duración, aínda que como é algo que se vai realizar no exterior non sabemos o tempo que nos vai levar en concreto. Ao finalizar leremos ese manifesto na Casa do Concello, izarase a bandeira de Galicia e soará o himno galego”.
A edil laurentina delegada de Cultura, en representación do Concello, agradece “á Xunta de Galicia, que nos está aportando unha axuda específica nestes actos de Francisco Fernández del Riego ao longo de todo o ano 2013 e, especialmente neste acto concreto da lectura do manifesto, á Fundación Penzol e ós seus representantes que, como dicía anteriormente, nos fixeron chegar unha copia do mesmo a Lourenzá para que puidese ser reproducido nesta data tan significativa”.