O BANCO MUNICIPAL DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO RECIBIU A DOAZÓN DUNHA GRÚA POR PARTE DA EMPRESA NOCEDA ASESORES

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou que o banco municipal de material ortoprotésico recibiu a doazón dunha grúa por parte da empresa Noceda Asesores.

A rexedora explicou que “a firma laurentina Noceda Asesores colabora co Concello de Lourenzá na creación do banco de material ortoprotéstico, neste caso coa doazón dunha grúa ortopédica. Este banco nace para facilitar, mediante o formato de préstamo, material ortoprotésico a pacientes que presentan limitacións da autonomía persoal limitadas ou graves e tamén limitacións nos recursos económicos. Nace coa finalidade de facilitar ás persoas coidadoras as tarefas de atención dos pacientes no domicilio e tamén de mellorar a calidade de vida tanto do paciente como do coidador. Desta maneira trátase de minimizar a incidencia de problemas de saúde ao paciente dependente e ás persoas coidadoras, facilitar o acceso ao maior número de persoas posible a este tipo de material e optimizar os recursos existentes”.

Emma Álvarez engadiu que “creamos unhas bases que van organizar o préstamo destes materiais, que van destinados a veciños e veciñas de Lourenzá que presenten unha limitación da autonomía persoal moderada ou severa e que xustifiquen a necesidade desta axuda. O baremo a aplicar está tamén recollido nestas bases do programa de préstamo de material ortoprotésico, así como os requisitos para solicitar este material que debe facerse perante o responsable dos servizos sociais municipais. Non son outros máis que estar empadroado no concello de Lourenzá presentar unha limitación da autonomía persoal de moderada a grave, ben sexa temporal ou definitiva, e que neste caso xustifique a necesidade dunha grúa. Tamén se require que a unidade familiar teña unha renda per cápita inferior ao límite establecido e tomamos como referencia o que se establece para as emerxencias sociais da Xunta. Estes requisitos son para cando haxa unha lista de espera, pero loxicamente se hai unha persoa que o necesita e está por riba desta renda per cápita podería deixarse, pero no momento que aparecera unha persoa que o necesite e que cumpra todos os requisitos a primeira tería que devolvela e pasaría xa para esa segunda persoa”.

A alcaldesa tamén comentou que con esta iniciativa “pretendemos que os coidadores poidan facer o seu traballo da mellor maneira posible e que o propio dependente teña unha calidade de vida maior”.

Para rematar Álvarez Chao aproveitou para “facer un chamamento a aquelas persoas, tanto particulares como empresas, que queiran participar neste banco de material, ben sexa persoas con aquel material usado que teñan e que neste momento non necesitan ou calquera empresa ou particular que queira facer unha doazón de xeito altruísta deste material para que outras persoas necesitadas poidan utilizalo”.

Declaracións da Alcaldesa (MP3)

O BANCO MUNICIPAL DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO RECIBIU A DOAZÓN DUNHA GRÚA POR PARTE DA EMPRESA NOCEDA ASESORES
O BANCO MUNICIPAL DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO RECIBIU A DOAZÓN DUNHA GRÚA POR PARTE DA EMPRESA NOCEDA ASESORES