O CAMPAMENTO DE VERÁN ORGANIZADO POLO CONCELLO FOI CLAUSURADO CUNHA XORNADA NA QUE OS PARTICIPANTES RECIBIRON UN DIPLOMA, UN VÍDEO E FOTOS DAS ACTIVIDADES QUE FIXERON

Lourenzá, 10 de setembro de 2013. Rematou o campamento de verán organizado polo Concello de Lourenzá cunha xornada de clausura na que os nenos que participaron recibiron un diploma, un vídeo e fotografías das actividades que levaron a cabo.

O campamento tivo como monitor ao animador do Concello David Garrafín, que para o último día de actividades preparou xogos cooperativos e a proxección dun vídeo que recolle fotos dalgunhas actividades que fixeron durante o verán. Este material audiovisual foi entregado nun CD a cada un dos participantes, que tamén recibiron un diploma e ademais houbo unha merenda.

A concelleira de Educación en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, destacou que “foi unha experiencia positiva e o feito de que por primeira vez os campamentos de verán se prolongasen ata a primeira semana de setembro contribuíu á conciliación da vida familiar e laboral, xa que as familias tiveron oportunidade de dispoñer deste servizo case ata a data de inicio do curso escolar, que comeza mañá, mércores, 11 de setembro”.