O Campo dos Bolos acollerá a primeira feira de automoción e vehículos agrícolas organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) durante a Festa da Faba, que se celebrará este vindeiro fin de semana. Tamén haberá concentración de motos e coches clásicos.
O presidente de ACIAL, Javier Huertas, explicou que “este ano imos facer a primeira Feira de Automoción e Vehículos Agrícolas no Campo dos Bolos. Contamos coa participación de Talleres Odifer, Talleres Cardi e Talleres Villar. Ademais participarán na exposición do claustro outros socios pertencentes a ACIA para mostrar os produtos do noso comercio. E tamén imos facer este ano unha colaboración co Concello vendendo bebida os días de degustación da faba. Os cartos que recademos irán destinados ao Antroido do ano 2017”.
Javier Huertas comentou ademais que “dende ACIAL desexamos que veciños e visitantes gocen desta nova edición da Festa da Faba”.
En canto á concentración de motos e coches clásicos, o seu promotor, Francisco Rivas, explicou que “este é o segundo ano que organizamos a Vespa Faba e Clásicos por medio do Concello. Somos uns afeccionados aos vehículos clásicos, a motos e coches. Este ano fomos a concentracións a Ávila, O Bierzo, León, Coruña, Lugo e Asturias. O día 1, sábado, é a concentración que ambientamos coas motos, a Vespa Faba con Vespas, Lambrettas e outras motos clásicas. Temos un especial de Vespas porque é o setenta aniversario e por iso imos ter un pouco de celebración para celebralo. Hai xente que ven da Coruña, de Pontevedra, de Lugo, de Asturias e da comarca da Mariña hai bastantes xa anotados tamén. O sábado temos unha ruta na que iremos a Riotorto, A Pontenova e a Taramundi, á aldea de Teixois, que é unha área etnográfica moi bonita cun mazo, muíños, moas para afiar e temos unha espicha de sidra alí tamén. Despois baixaremos ata A Pontenova, onde comemos ao pé dos Fornos e despois volveremos para Lourenzá. Temos a proxección dun vídeo dedicado á Vespa, de Faino Estudio e titulado O meu avó tiña unha igual. Temos tamén programada unha pequena yincana, pero son moitas actividades xuntas así que a ver se damos feito”.
Francisco Rivas engadiu que “o domingo temos os coches e concentrámonos aquí ás once. Imos facer unha ruta saíndo de Lourenzá por Barreiros, San Miguel de Reinante, Rinlo, unha parada na praia das Catedrais e temos a sorte de que nos cadra a baixamar. Tamén iremos ao Cargadeiro, en Ribadeo, pasaremos pola Atalaia, visitaremos o Club Náutico e teremos uns pinchos en Tito Pizza, que é un colaborador noso. Despois volveremos a Lourenzá e se nos dá tempo faremos tamén unha pequena yinkana cos coches”.