O CENTRO DE SAÚDE SUFRIU NUMEROSOS DANOS NAS SÚAS INSTALACIÓNS, NO MOBILIARIO E NOS EQUIPAMENTOS ESTA PASADA NOITE, FEITOS POLOS QUE FOI DETIDO COMO SUPOSTO AUTOR UN VECIÑO

O centro de saúde de Lourenzá sufriu numerosos danos nas súas instalacións, no mobiliario e nos equipamentos esta pasada noite. Como presunto autor destes feitos foi detido un veciño.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que “esta pasada noite, cerca das doce, chamáronme por teléfono alertando de que sentían ruídos no centro médico e que aparentemente había xente dentro. Ao momento avisei á Garda Civil, presentáronse dúas patrullas e tamén se xuntaron varios veciños. Os garda civís e máis eu accedemos ao interior do edificio do centro de saúde, onde non atopamos a ninguén, pero comprobamos que había moitos danos: ventás e portas rotas, das que quedaran intactas na vez anterior, e ademais estragos en ordenadores, vitrinas, mobiliario, neveiras, moitos medicamentos e documentos estaban tirados polo chan, ... Non consta que levaran nada. Trátase dun acto vandálico, igual que os das ocasións anteriores, neste edificio que é de propiedade municipal”.

A rexedora continuou relatando que “despois atopouse un vehículo que parecía sospeitoso, pois estaba aparcado nunha estrada paralela ao centro médico, ao outro lado do río. E ademais algunhas das persoas que se xuntaron nas inmediacións do centro de saúde comentaron que viran como alguén saltara o valado desde o interior do recinto de saúde cara ao río, pero non puideron identificalo. Entón empezamos a buscar pola zona para intentar atopar a alguén ou algunha pista e sobre as 2 da madrugada na estrada que bordea as instalacións da feira unha patrulla da Garda Civil e algúns veciños viron a un home que escapaba correndo e ía mollado ata os xeonllos. Dáse a circunstancia de que ese individuo é o propietario do vehículo que estaba aparcado cerca do centro de saúde. Esa persoa foi detida pola Garda Civil, que a levou para o cuartel de Mondoñedo, a onde eu fun hoxe pola mañá a presentar a denuncia”.

Rocío López comentou tamén que “os danos están sen cuantificar de momento, pero é evidente que son moi superiores aos da vez anterior, pois o interior do centro de saúde quedou practicamente arrasado, sobre todo os despachos das enfermeiras e dos médicos. Isto afectou ao seu funcionamento nas primeiras horas da mañá pero xa puideron empezar a atender aos pacientes en torno ás dez”.