O CLAUSTRO DO MOSTEIRO DE SAN SALVADOR ACOLLE O 18 DE XUÑO A SEGUNDA XORNADA DEDICADA A FERNÁNDEZ DEL RIEGO, QUE ORGANIZA A ASOCIACIÓN PATRIMONIO LAURENTINO COA COLABORACIÓN DO CONCELLO.

Lourenzá, 11 de xuño de 2022. O claustro do mosteiro de San Salvador, en Vilanova de Lourenzá, acollerá o 18 de xuño, sábado, a partir das 12 do mediodía a segunda xornada dedicada a Francisco Fernández del Riego, actividade que organiza a asociación Patrimonio Laurentino coa colaboración do Concello de Lourenzá. Na presentación participou a alcaldesa, Rocío López, con representantes do colectivo promotor desta iniciativa.

Na xornada intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, que ofrecerá unha charla titulada Fernández del Riego, editor, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, que falará sobre Fernández del Riego e a Universidade. Para esta actividade a asociación Patrimonio Laurentino conta coa colaboración de Xosé López González, coñecido como Pepe de Celeirao, que é un veciño de Lourenzá licenciado en Filoloxía Galega que ten moitos traballos escritos sobre Francisco Fernández del Riego.

A presidenta da asociación Patrimonio Laurentino, Remedios Gallo Fernández, explicou que “Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá en xaneiro de 1913 e faleceu o 25 de novembro de 2010, un século de galeguismo, non soamente dedicou a súa vida a reorganizar a cultura galega en circunstancias de agobio senón que tamén pertenceu á xeración de galeguistas brillantes. Participou na fundación da Editorial Galaxia, en 1950, e na revista Grial; exerceu de correspondente da Galicia emigrante e publicou a cara descuberta baixo o pseudónimo Salvador Lourenzá, un orgullo para esta vila. Nos seus últimos tempos dirixiu a biblioteca da Fundación Penzol, en Vigo, e recibiu a medalla Castelao. De el dixo Méndez Ferrín que era a pedra angular do nacionalismo cultural e político do século XX”.