O CLUB VESPAFABA & CLÁSICOS LOURENZÁ ORGANIZARÁ TRES EVENTOS ESTE ANO. AS ACTIVIDADES, NAS QUE COLABORA O CONCELLO, FORON PRESENTADAS CUN ACTO AO QUE ASISTIU A ALCALDESA

O club VespaFaba & Clásicos Lourenzá organizará tres eventos este ano. As actividades, nas que colabora o Concello, foron presentadas nun acto ao que asistiu a alcaldesa, Rocío López.

Os responsables do club salientan que a rexedora municipal “apoiou a este colectivo desde que iniciou a súa andadura, no ano 2015” e explican que “está integramente dedicado á defensa, conservación e promoción do patrimonio automobilístico. Aparte de recuperar e conservar os vehículos apaixónanos gozalos en distintos eventos, concentracións, exposicións ou rutas, en distintos puntos da Península: Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Zaragoza, etcétera”.

Ademais anunciaron que organizarán “distintos eventos ao longo deste ano: o primeiro terá lugar o día 29 deste mes, Xoves Santo, e será a terceira Reunión de Amigos de VespaFaba & Clásicos Lourenzá; en maio faremos o segundo Encontro Galaico-Astur de Vespas e Lambrettas na Mariña Lucense; e o primeiro fin de semana de outubro, coincidindo coa Festa da Faba, celebraremos o evento máis importante para o club, a cuarta Concentración de VespaFaba & Clásicos Lourenzá”.

Tamén deron a coñecer que este ano decidiron abrir inscricións para socios e colaboradores “para facer desta comunidade un lazo de unión e de apoio de todo aquel que queira integrarse no club. Estamos continuamente traballando e innovando neste mundo dos clásicos, co cal ofrecemos asesoramento e apoio en restauracións ou outras consultas ou iniciativas e calquera outro tema relacionado con este mundo”.

O vocal e portavoz da directiva do club VespaFaba & Clásicos Lourenzá, Fran Rivas Dasilva, explicou que “este ano imos organizar aquí, en Lourenzá, tres eventos, o que non é usual e por iso facemos a presentación. Somos un club que naceu no ano 2015, que foi cando empezou todo isto, e movémonos bastante en distintos eventos, concentracións e rutas en toda Galicia, Asturias, Castela e León e incluso este ano tivemos participación en Madrid e en Zaragoza en distintas feiras, todo relacionado co automóbil”.

Fran Rivas especificou que “o primeiro evento témolo neste mes, o 29 de marzo, cando facemos unha reunión de amigos de VespaFaba e Clásicos, que é o nome do club. É unha ruta moi bonita, imos ir ao concello de Trabada, veremos o museo etnográfico, que está moi ben, e despois imos comer no Pazo de Tovar, que é un sitio moi bonito. En maio faremos un encontro galaico-astur de Vespas e Lambrettas aquí, na Mariña lucense. En principio xa somos tres clubs os que imos participar, vánsenos sumar de Coruña, Pontevedra e algún amigo de Ourense para facer este encontro. Tamén teremos a nosa concentración grande no mes de outubro pola Festa da Faba. O ano pasado foi a concentración deste tipo máis grande da Mariña, coa asistencia de máis de cen vehículos: Vespas, Lambrettas, motos clásicas e coches”.

O portavoz de VespaFaba & Clásicos tamén comentou: “este ano decidimos abrir o club a socios porque agora hai moita xente á que lle gusta este tema. Xa temos socios de Coruña, Asturias e toda a comarca da Mariña”.

 

O CLUB VESPAFABA & CLÁSICOS LOURENZÁ ORGANIZARÁ TRES EVENTOS ESTE ANO. AS ACTIVIDADES, NAS QUE COLABORA O CONCELLO, FORON PRESENTADAS CUN ACTO AO QUE ASISTIU A ALCALDESA