Lourenzá, 10 de decembro de 2013. O CEIP Juan Rey, de Lourenzá, acolleu onte unha xornada solidaria organizada polo Concello para recoller xoguetes que a Cruz Vermella distribuirá entre familias da Mariña con escasos recursos económicos.
A concelleira laurentina de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “un ano máis dende a área de Servizos Sociais do Concello de Lourenzá, en colaboración coa delegación da Cruz Vermella da Mariña e a comunidade educativa do CEIP Juan Rey de Lourenzá, vén de levarse a cabo una xornada de recollida de xoguetes para distribuír entre os menos favorecidos da nosa comarca nas próximas datas de Nadal. Dende hai unhas semanas e ata o día 20 deste mes nas dependencias do Centro de Servizos Sociais hai un espazo para que todas aquelas familias que desexen doar xoguetes xa en desuso, pero en bo estado, o poidan facer. Onte, luns, os máis pequenos do concello amosaron o seu lado máis solidario ao desprenderse dalgún dos seus xoguetes para agasallar con eles a aqueles nenos que non teñen a sorte de contar con regalos no Nadal”.
Lupe Flórez, que participou nas actividades celebradas onte, engadiu que “a xornada solidaria deu comezo cuns xogos cooperativos dirixidos polo animador sociocultural e pola educadora familiar do Concello; a continuación, e xa coa presenza dun grupo de voluntarios da Cruz Vermella, levouse a cabo a doazón dos xoguetes, que rematou cunha chocolatada conxunta, que serviu de peche a unha xornada tan especial”.
Ademais a edil agradeceu “a colaboración da comunidade educativa do colexio local, que se amosou moi receptiva dende a primeira vez que se comezara a levar a cabo esta campaña, así como a implicación do departamento municipal de Servizos Sociais con estas iniciativas (tanto a da recollida de xoguetes como as de alimentos e roupa). Pero o agradecemento máis especial é para os nenos do colexio, que co seu xesto solidario non dubidan á hora de desprenderse de xoguetes aos que lles teñen gran aprecio para facer máis feliz a vida doutros nenos que non teñen a mesma sorte cá eles e con estas campañas poderán tamén abrir os seus agasallos no Nadal."