O CONCELLEIRO DE DEPORTES ANIMA A TODOS OS AFECCIONADOS AO CICLISMO A INSCRIBIRSE PARA PARTICIPAR NA PRIMEIRA MARCHA CICLODEPORTIVA DE LOURENZÁ, QUE SE CELEBRARÁ O 10 DE SETEMBRO

O concelleiro de Deportes laurentino, Francisco Dasilva, anima a todos os afeccionados ao ciclismo a inscribirse para participar na primeira Marcha Ciclodeportiva de Lourenzá, que se celebrará o 10 de setembro, domingo.

Francisco Dasilva explicou que “é a primeira ciclodeportiva que se celebra en Lourenzá e será o vindeiro 10 de setembro. A saída será ás nove e media da mañá desde a Feira de Lourenzá. É unha marcha ciclista de 79 quilómetros que recorrerá as montañas no mesmo Val de Lourenzá. Comezará cunha subida a Lindín, seguirá pola Cadeira, O Picato e cun tramo final cronometrado duns 4 quilómetros desde o Pazo de Tovar ata a Cadeira”.

O edil de Deportes engadiu que “o prezo de inscrición será de 10 euros para os ciclistas con licenza federativa e de 26 euros para os que non están federados; e por 5 euros máis tanto uns como outros poderán participar nunha comida que se vai celebrar no recinto da feira. Outorgaranse os trofeos aos mellores júnior, de 15 a 17 anos; sénior, de 18 a 29 anos; máster 30, de 30 a 39 anos; máster 40, de 40 a 49 anos; e máster 50, de 50 anos en adiante. Quero animar a todos os afeccionados ao ciclismo a que se apunten porque vai ser unha marcha divertida e van pasar un día agradable; que se animen a apuntarse na páxina web www.championchipnorte.com”.