O CONCELLO ACOLLERÁ UN CURSO DE INFORMÁTICA NESTE MES DE SETEMBRO E OUTRO DE TECIDO EN TEAR DO 15 DE OUTUBRO AO 13 DE NOVEMBRO. A ALCALDESA ANÚNCIAOS A TRAVÉS DE BANDOS

Lourenzá, 5 de setembro de 2013. Lourenzá acollerá un curso de informática, que se desenvolverá a finais deste mes de setembro, e outro de tecido en tear, que será do 15 de outubro ao 13 de novembro. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, fixo públicos bandos para anuncialos.

O axente de Emprego e Desenvolvemento Local de Lourenzá, José Cuadrado Oural, explicou que o curso de informática vaise levar a cabo “dende finais deste mes de setembro ata principios de outubro”. E engadiu que “está organizado polo Concello en colaboración con Asaja-Xovenes Agricultores, de Lugo; terá unha duración de 30 horas e vai dirixido a todas aquelas persoas que estean en activo, tanto agrarios como do réxime xeral, e a aqueles desempregados que sexan fillos ou cónxuxes de agrarios”.

José Cuadrado comentou ademais que no curso de informática “o temario vaise adaptar un pouquiño a cada persoa, pero partindo dun nivel de usuario, básico”. O prazo para apuntarse remata o próximo xoves, día 12 de setembro, e os interesados poden chamar ao teléfono do Concello (982.12.10.06). O curso levarase a cabo se hai un mínimo de 15 inscritos.

En canto ao curso de tecido en tear de alto lizo, está programado para desenvolverse do 15 de outubro ao 13 de novembro. “Está organizado pola Deputación de Lugo para dez alumnos. Ten un custo de 21 euros por persoa e levarase a cabo durante 42 horas os martes, mércores e xoves de oito a once de noite”, explicou Cuadrado Oural. Tamén comentou que no programa inclúese “unha breve introdución ao tecido, planificación das pezas a realizar, urdir en cadanseu tear, tecer o tapiz e finalmente aprender a rematar as pezas”. A data límite para anotarse neste curso é o 8 de outubro e os interesados poden anotarse chamando ao Concello de Lourenzá ou a través dun formulario que está na páxina web da Deputación de Lugo, concretamente na sección de cursos Centrad 2ª tempada de 2013.

Descargar bando sobre Curso de Informática (PDF)

Descargar bando sobre Curso de Tecido en Tear (PDF)