O CONCELLO ADXUDICOU A MELLORA DE DOUS ALUMEADOS PÚBLICOS, OBRA QUE SUBVENCIONA O INEGA

Lourenzá, 25 de agosto de 2014. O Concello de Lourenzá adxudicou a mellora de dous alumeados públicos, obra que subvenciona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), entre público adscrito á Consellería de Economía e Industria.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “na última comisión de goberno acordamos adxudicar a obra de aforro enerxético que foi subvencionada polo Inega. Ten un presuposto de 48.864,45 euros, dos cales 41.534,78 foron subvencionados pola Consellería de Industria, a través do Inega, e os restantes, 7.329,67, serán aportados por parte do Concello. Faranse actuacións en dous alumeados públicos: o coñecido como Dodelle, aínda que vai dende a rúa Casas Novoa ata Os Carballás, por toda a zona coñecida como o paseo do colesterol, e tamén se actúa no barrio de Dodelle e incluso nalgunha casa máis da Tilleira; en total son 71 puntos de luz. Ese mesmo número tamén son os que se van renovar na Cazolga, onde se vai facer todo ese núcleo”.

A rexedora engadiu que “con esta actuación preténdese mellorar a instalación do alumeado público co fin de reducir o seu consumo eléctrico e por conseguinte reducir o importe da factura eléctrica que é o obxectivo principal desta actuación: aforrarlle ás arcas municipais no custo da factura eléctrica. Ao mesmo tempo tamén se pretende mellorar a calidade do alumeado público, tendo en conta que este é un dos servizos que os concellos debemos prestar aos cidadáns tratando de proporcionar uns niveis de iluminación axeitados ás diferentes zonas, segundo o tipo de núcleo, densidade de tráfico soportado, etcétera, pero sempre buscando a solución óptima e que proporcione o máximo rendemento da instalación aos menores custos”.