O CONCELLO ANUNCIA QUE DESDE HOXE ATA O 7 DE XUÑO ESTÁ ABERTA A PRIMEIRA FASE DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DE TURISMO SOCIAL PARA MAIORES DO IMSERSO 2017-2018

O Concello de Lourenzá anuncia que desde hoxe ata o día 7 de xuño estará aberta a primeira fase de presentación de solicitudes para participar no programa de turismo social para maiores do IMSERSO 2017-2018.

Está dirixido a persoas residentes en España que reúnan calquera dos seguintes requisitos: ser pensionista de xubilación do Sistema Público español de Pensións; ser pensionista de viuvez e ter 55 anos cumpridos; ser pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, en todos os casos con 60 anos cumpridos; ser titular ou beneficiario do Sistema da Seguridade Social, con 65 anos cumpridos; deberán valerse por si mesmos e non padecer alteracións de comportamento que impidan a normal convivencia nos hoteis.

Poderán participar o cónxuxe ou parella de feito sen necesidade de que estes reúnan os requisitos de idade ou pensión. Admitirase como acompañante a un fillo ou filla con discapacidade, que teña un grao igual ou superior ao 45 por cento, sempre que a viaxe a realice cos seus pais e ocupe cama supletoria na mesma habitación do hotel. Deberá cumprimentarse o apartado correspondente da solicitude cos datos do fillo/a e achegar fotocopia do certificado de discapacidade.

Ofértanse distintas modalidades para que os maiores poidan gozar dunhas vacacións no período comprendido entre os meses de outubro de 2017 e xuño de 2018, segundo a modalidade: zona costeira peninsular: Andalucía, Catalunya, Comunitat Valenciana e Murcia; zona costeira insular: Canarias e Illes Balears; turismo de interior, coas seguintes actividades: circuítos culturais, turismo de natureza, viaxes a capitais de provincia e viaxes ás cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

O servizos incluídos son: viaxe ida e volta desde a súa capital de provincia ata o hotel de destino e regreso, agás para a modalidade de viaxes sen transporte e viaxes a capitais de provincia; aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre a compartir en hoteis seleccionados polo IMSERSO. Contémplase o aloxamento en habitación individual, que terá un suplemento no prezo e estará suxeito a dispoñibilidade de prazas; servizo médico, complementario ao da Seguridade Social, no propio hotel; programa de animación e póliza colectiva de seguros. Nas viaxes culturais e Turismo de Natureza, dadas as súas especiais características, non se inclúen os servizos médicos e programa de animación. As viaxes a capitais de provincia serán en réxime de media pensión e sen transporte.

O prazo de presentación nesta primeira fase remata o 7 de xuño de 2017, pero unha vez concluída esta primeira fase o prazo de presentación de solicitudes manterase aberto a partir do 8 de xuño de 2017, rematando o luns 26 de febreiro de 2018, para cubrir as posibles vacantes que se puidesen producir.