Lourenzá, 22 de abril de 2013. O Concello de Lourenzá conmemorará mañá, martes, o Día do Libro, coa organización dun espectáculo denominado Cantacontos, a cargo da pontevedresa Raquel Galavís. Será na biblioteca do Ceip Juan Rey.
A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez, explicou que “é unha actividade que nos chega ofertada dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa Ler conta moito, de dinamización de actividades nas bibliotecas municipais, experiencia que anteriormente se denominaba Letras vivas”.
Lupe Flórez engadiu que “esta actividade nace para conmemorar o Día do Libro, que se celebra mañá, martes, 23 de abril e nós escollémola basicamente dirixida aos escolares laurentinos do Ceip Juan Rey. É un espectáculo denominado Cantacontos a cargo de Raquel Galavís, unha rapaza de Pontevedra que ten unha ampla experiencia en actividades de animación á lectura para público infantil e xuvenil. Trátase dun contacontos teatralizado con proxección de ilustracións, cancións, música de guitarra en directo e participación activa dos propios nenos a través de bailes e xogos musicais que combinan o gusto pola lectura coa parte máis lúdica da música e das cancións”.