O CONCELLO CONMEMORARÁ O DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO O 25 DESTE MES COA COLOCACIÓN DUN LAZO MALVA, A EXPOSICIÓN DUN LIBRO DE SINATURAS, UNHA LECTURA DE TESTEMUÑAS, UNHA CHARLA COLOQUIO E UNHA PROXECCIÓN CINEMATOGRÁFICA

O Concello de Lourenzá organiza diversos actos para conmemorar o Día Internacional contra o Violencia de Xénero o vindeiro mércores, 25 de novembro. A todos eles asistirán a alcaldesa, Rocío López, e a concelleira de Benestar Social, Mercedes Dengra.

Os actos iniciaranse ás 10 da mañá, momento no que a alcaldesa e membros do equipo de goberno xunto cos traballadores municipais, colocarán no balcón da Casa do Concello o lazo malva representativo do día. Tamén pola mañá, a partir das 10 e media, exporase ao público o Libro de Sinaturas do Concello en contra da Violencia de Xénero, que permanecerá ó longo de toda semana no Salón de Exposicións para que todo aquel que o desexe poida deixar a súa mensaxe en cotra da Violencia de Xénero.

Xa á tardiña, a partir das 17:30 horas, terá lugar no Salón de Actos unha lectura de testemuñas sobre Violencia de Xénero por parte dos alumnos e alumnas do Taller de Memoria. A continuación das lecturas desenvolverase unha charla coloquio onde os asistentes poderán intervir e formular cuestións relacionadas coa temática. “Con esta iniciativa pretendemos que os asistentes se mergullen na vida daquelas mulleres que foron vítimas e sufriron este tipo de violencia. Esta iniciativa foi aceptada moi positivamente polos alumnos e alumnas do taller, que puxeron todo o seu empeño e predisposición para colaborar e participar nesta actividade”, explicou a rexedora municipal.

A continuación, ás 18:30 horas, para pechar o programa terá lugar unha proxección cinematográfica na que aparecerán escenas cotiás da vida diaria relacionadas con esa temática.

A alcaldesa recalca “a importancia de educar a sociedade, sobre todo aos máis novos, como ferramenta fundamental na loita contra violencia machista. A igualdade entre homes e mulleres é fundamental; é por iso que non podemos permanecer impasibles ante tanta violencia. Con esta xornada o Concello de Lourenzá quere manifestar así o seu compromiso explícito de rexeitamento da violencia de xénero. É fundamental poñer en marcha unha labor de concienciación de toda a cidadanía para conseguir erradicar este grave problema que constitúe unha lacra para a sociedade no seu conxunto. É de vital importancia romper o silencio daquelas mulleres que están sendo maltratadas, sensibilizando á sociedade e as propias vítimas de que é posible saír desa situación e comezar unha nova vida. É importante que tódalas Institucións traballen na mesma dirección, botando man dos recursos que estean ó seu alcance para loitar contra esta lacra social”.

O CONCELLO CONMEMORARÁ O DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO O 25 DESTE MES COA COLOCACIÓN DUN LAZO MALVA, A EXPOSICIÓN DUN LIBRO DE SINATURAS, UNHA LECTURA DE TESTEMUÑAS, UNHA CHARLA COLOQUIO E UNHA PROXECCIÓN CINEMATOGRÁFICA