O CONCELLO CONMEMORARÁ O DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO COA RECOLLIDA DE FIRMAS, A COLOCACIÓN DUN LAZO MALVA, A PRESENTACIÓN DO PLAN MUNICIPAL DE IGUALDADE E UNHA MARCHA POLAS RÚAS, QUE REMATARÁ COA LECTURA DUN MANIFESTO E A SOLTA DE GLOBOS

Lourenzá, 18 de novembro de 2013. O Concello de Lourenzá conmemorará o próximo luns, 25 de novembro, o día internacional contra a violencia de xénero coa recollida de firmas, a colocación dun lazo malva, a presentación do plan municipal de igualdade e unha marcha polas rúas, que rematará coa lectura dun manifesto e a solta de globos malvas e brancos. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

“O vindeiro luns 25 é o día internacional contra a violencia de xénero e o Concello de Lourenzá vai difundir esta xornada e fará chegar ao maior número de adultos e a tamén a nenos e mozos que a integridade das persoas están por enriba do sexo que teñan. Para iso vamos colocar o libro de firmas que xa puxéramos o ano pasado na Casa do Concello, onde estará dende o día 25 ata o seguinte luns, 2 de decembro, para que todas as persoas que queiran mostrar a súa repulsa poidan facelo neste libro de recollida de firmas. Tamén colocaremos durante a vindeira semana un lazo malva no balcón da Casa do Concello para conmemorar este día e en sinal de loito por aquelas persoas que foron vítimas da violencia de xénero”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “ademais o día 25 ás catro e media da tarde no salón do Torreón dos Frades, onde están as dependencias dos Servizos Sociais, presentaremos o plan de igualdade entre homes e mulleres que foi aprobado no pasado pleno municipal. A continuación dende o Torreón emprenderemos unha marcha en contra da violencia de xénero polas rúas do concello con globos malvas e brancos, que remataremos no Cantón, na praza do Conde Santo, coa lectura dun manifesto e todos xuntos soltaremos eses globos como sinal de repulsa cara a esas persoas que dalgunha maneira utilizan a violencia de xénero para crerse máis fortes e danar á persoa que teñen ao seu carón”.

“Dende o Concello animamos a todas as persoas a que se acheguen ata o Torreón dos Frades para participar nesta marcha conxunta e que sexamos moitos (nenos, maiores, homes, mulleres) os que dalgún xeito reivindiquemos que, dunha vez por todas, se acabe con esta lacra e que tanto homes como mulleres poidamos ser libres en sociedade”, rematou a alcaldesa.