O CONCELLO CONSTRUÍU UN DEPÓSITO DE AUGA PARA INCENDIOS NA PARROQUIA DE SANTO TOMÉ

O Concello de Lourenzá construíu un depósito de auga na parroquia de Santo Tomé, concretamente no lugar de Cadros, para utilizar en caso de incendio.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou que “esta obra, que consistiu na construción dun depósito de formigón armado de 75 metros cúbicos, foi financiada a través dun convenio interadministrativo coa Deputación de Lugo por importe de 23.595 euros”.

A rexedora municipal comentou que “a finalidade é dotar a zona do val dunha infraestrutura axeitada que facilite os traballos de carga de auga e que permita actuar dunha maneira máis rápida e efectiva ante posibles incendios forestais. Con esta obra seguimos mellorando infraestruturas e servizos no rural. Trátase dunha intervención prioritaria e moi demandada polos veciños xa que a situación escollida para a súa construción é de fácil acceso para os medios terrestres, o que permite acoutar os tempos nos labores de carga e descarga”.