O CONCELLO CONVOCA REUNIÓNS NAS PARROQUIAS A PARTIR DE MAÑÁ, XOVES, PARA INFORMAR SOBRE O FUNCIONAMENTO DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ E INICIAR O PROCESO PARA ELIXIR AS COMISIÓNS VECIÑAIS

O Concello de Lourenzá convoca reunións nas parroquias a partir de mañá, xoves, para informar sobre o funcionamento do Regulamento de Participación Cidadá e iniciar o proceso para elixir ás Comisións Veciñais.

O alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “o Concello de Lourenzá pon en marcha un calendario de reunións polas parroquias para informar aos veciños do funcionamento do Regulamento de Participación Cidadá. O obxectivo destas charlas e dar a coñecer o funcionamento deste regulamento e iniciar o proceso para a elección das Comisións Veciñais”.

A rexedora anima a tódolos veciños e veciñas a asistir a estas reunións e a formar parte destas comisións. “A posta en marcha deste regulamento supón o inicio da participación activa dos cidadáns de Lourenzá nos asuntos do municipio. Trátase dun feito histórico para o noso concello, xa que por primeira vez os veciños e veciñas poderán participar de maneira activa e ter voz nos plenos. Pretendemos facer así do Concello un ente aberto e democrático, no que a cidadanía sinta o deber cívico de cooperar coa institución municipal na mellora das súas condicións de vida e no progreso socioeconómico do seu territorio. Queremos que os laurentin@s nos aporten as súas ideas e proxeccións acerca dos asuntos que van incluídos na orde do día dos plenos e que forman parte da realidade diaria do municipio”, explicou Rocío López.

As reunións empezarán mañá, xoves, día 2, no centro social da Cazolga; o venres 3 será no centro social de Santo Tomé; a seguinte celebrarase o martes 7 na antiga escola de párvulos de San Adriano; o mércores 8 terá lugar no centro social de San Xorxe; e a última será o xoves 9 no salón de actos da Casa do Concello. Todas están programadas para as 21 horas.

Descargar bando en PDF