O CONCELLO CREARÁ UNHA RUTA LITERARIA PERMANENTE DEDICADA AO ESCRITOR FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO GRAZAS A UN CONVENIO COA SECRETARÍA XERAL DE CULTURA, DA XUNTA

O Concello de Lourenzá e a Secretaría Xeral de Cultura, da Xunta de Galicia, firmarán un convenio para poñer en marcha na vila de forma permanente a ruta literaria na honra do escritor Francisco Fernández del Riego.

A alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, anunciou que “trala reunión mantida con Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, decidimos asinar un convenio de colaboración entre as dúas administracións para levar a cabo unha ruta literaria que fixemos con motivo do Día das Letras Galegas o ano pasado, dentro da distinta programación que tíñamos dedicada a Don Paco, por ser o ano no que se conmemoraba o centenario do seu nacemento. Esta ruta literaria será posible grazas a que asinaremos un convenio por un importe de 4.000 euros. Parte da Praza do Conde Santo, diante precisamente do busto de Don Paco, e será circular porque nos trae de novo a esta praza despois dun percorrido de case tres quilómetros, no que se van visitando sitios emblemáticos do concello que tamén foron dalgunha maneira puntos de referencia na vida de Don Paco”.

Para a responsable municipal “con esta iniciativa virá máis xente a Lourenzá, a gozar da nosa zona urbana e poderá coñecer os distintos lugares da man de Don Paco, que aínda que non vai a estar presente con nós porque iso desgraciadamente xa non é posible, si o poderán facer da man da súa obra, posto que colocaremos nove peañas de aceiro en nove sitios representativos da súa vida e tamén do noso concello. Nesas peañas, aparte dunha pequena descrición do lugar onde nos atopamos, tamén haberá un texto sacado da obra de Don Paco que fai referencia a ese sitio onde nos atopamos, por exemplo no Muíño do Frade, na Praza Xulia Minguillón ou incluso diante da casa onde Don Paco naceu”.

Emma Álvarez engadiu: “agardamos que con este convenio que asinaremos por un importe de 4.000 euros poidamos facer esta ruta literaria e atraiamos xente ao noso concello, xente que non só veña a visitar o Museo de Arte Sacra ou a Igrexa de Valdeflores cos seus encantos; ou, por outro lado, que vaia ao val a visitar o Pazo de Tovar ou o miradoiro da Veliña. Queremos que ademais pasee polas nosas rúas e dalgunha maneira palpe o que é Vilanova de Lourenzá”.

 

O CONCELLO CREARÁ UNHA RUTA LITERARIA PERMANENTE DEDICADA AO ESCRITOR FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO GRAZAS A UN CONVENIO COA SECRETARÍA XERAL DE CULTURA, DA XUNTA
O CONCELLO CREARÁ UNHA RUTA LITERARIA PERMANENTE DEDICADA AO ESCRITOR FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO GRAZAS A UN CONVENIO COA SECRETARÍA XERAL DE CULTURA, DA XUNTA