Lourenzá, 13 de novembro de 2012. O Concello de Lourenzá acaba de poñer en marcha contas institucionais nas redes sociais facebook e twitter, ás que se pode acceder a través da páxina web municipal na que tamén haberá espazos para as asociacións locais.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou hoxe que o Concello de Lourenzá “quere achegar as novas tecnoloxías aos veciños e tamén a aqueles usuarios de internet que, a través das redes sociais, queiran coñecer máis sobre o noso concello. Por ese motivo creamos unha conta de facebook e outra de twitter, ás que tamén se pode acceder a través da propia páxina web do Concello de Lourenzá”. A dirección é www.concellodelourenza.es
Emma Álvarez tamén anunciou que “ademais vamos facer partícipes desta páxina web ás asociacións do noso concello, ás que lles imos dar dúas opcións: unha é facer unha redirección da súa propia páxina web ou do espazo que teñan en internet e a outra posibilidade é para aqueles casos nos que a asociación sexa máis pequeniña ou non teña recursos para dispoñer da súa propia páxina web crearemos un espazo onde poida darse a coñecer poñendo os datos básicos do colectivo para que o resto de veciños e todos os usuarios de internet poidan saber máis sobre as asociacións do concello de Lourenzá”.
E para a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (Acial) o goberno local propón a creación dentro da páxina web do Concello dun directorio “dende o que se poida acceder a tódolos comercios, establecementos e industrias que hai no concello de Lourenzá e que poidan ser de utilidade non soamente para os veciños senón tamén para a xente que queira mercar ou traballar con negocios que están implantados no noso concello”, manifestou a alcaldesa.