O CONCELLO ESTÁ ARRANXANDO SEIS VIARIOS MUNICIPAIS E NOS PRÓXIMOS MESES TEN PREVISTO MELLORAR OUTROS MÁIS

Lourenzá, 2 de agosto de 2016. O Concello de Lourenzá está arranxando seis viarios municipais e nos próximos meses ten previsto mellorar outros máis. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Rocío López.

A rexedora municipal explicou que “o Concello de Lourenzá está a acometer os traballos de mellora e arranxo de 6 viarios municipais. Estas obras fanse con cargo á subvención ao abeiro do plan Marco (programa de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias) para o ano 2016, que ascende a 68.360 euros”.

Rocío López destacou que “estanse a facer actuacións en tódalas parroquias, concretamente naqueles viarios que se atopaban en peor estado de conservación. Tentamos dar prioridade a aqueles camiños que se atopaban en peores condicións para a circulación do tráfico e que presentaban un mal estado do firme. Estas actuacións permitirán un mellor acceso ás explotacións agrarias e garanten a conservación da rede viaria do rural”.

A alcaldesa especificou: “estanse a arranxar tres pistas na parroquia de San Xurxo: os coñecidos como Camiño da Lavandeira,  Camiño de Soutovello e Camiño de Outeiro. Na parroquia de Santo Tomé mellorouse o firme da estrada que discorre polo Pacio cara a San Pedro e o viario de acceso ao barrio do Casal. En San Adriano as actuacións levaranse a cabo nos camiños de acceso ao barrio de Penelas”.

A rexedora tamén comentou que “a maiores disto nos próximos meses o Concello ten previsto acometer máis obras noutros camiños municipais, neste caso con cargo ao POS (Plan de Obras e Servizos) da Deputación”.

O CONCELLO ESTÁ ARRANXANDO SEIS VIARIOS MUNICIPAIS E NOS PRÓXIMOS MESES TEN PREVISTO MELLORAR OUTROS MÁIS