Lourenzá, 20 de setembro de 2019. O Concello de Lourenzá instalará un stand lila na XXIX edición da Festa da Faba, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro, para sensibilizar á cidadanía sobre as violencias machistas. Esta iniciativa foi presentada pola alcaldesa, Rocío López, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra.
A rexedora municipal explicou que “o obxectivo é informar, divulgar e sensibilizar a cidadanía sobre as violencias machistas. O punto de información estará situado na praza do Conde Santo en horario de 11:00 a 15:00 horas, onde a técnico social e a educadora familiar do Concello informarán sobre distintas cuestións relacionadas coa violencia de xénero. Así mesmo repartirase entre todos os asistentes material informativo para concienciar sobre a importancia de loitar e acabar con esta lacra machista”.
Rocío López anunciou tamén que “desde este venres e ó longo de toda a semana o Concello de Lourenzá tinguirase de violeta en repulsa aos asasinatos machistas, ás manadas e ás agresións sexuais”.