O CONCELLO INSTALOU NA SÚA PÁXINA WEB UN CALENDARIO NO QUE SE INCLÚEN OS ACTOS QUE HAI CADA DÍA NO MUNICIPIO. A ALCALDESA PIDE A COLABORACIÓN DOS COLECTIVOS LOCAIS PARA QUE APAREZAN AS ACTIVIDADES QUE ORGANIZAN TODOS ELES

Lourenzá, 21 de novembro de 2013. O Concello de Lourenzá instalou na súa páxina web un calendario no que se inclúen os actos que hai cada día no municipio. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, pide a colaboración dos colectivos locais para que aparezan as actividades que organizan todos eles.

“Na páxina web do Concello de Lourenzá figura dende hai uns días un calendario anual no que o obxectivo é que aparezan tódalas actividades que hai no concello, independentemente de quen as organice. Para iso vamos mandar unha circular a todas as asociacións que hai no concello para animalas a que todas aquelas actividades que fagan ao longo do ano as poidamos incorporar a este calendario. Deste xeito as persoas que visiten a páxina web de Lourenzá poderán saber en cada momento que tipo de actividades haberá”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “a raíz da comunicación que lles vamos facer por escrito a tódalas asociación agardamos que esta iniciativa teña unha boa acollida, para facela máis ampla e poder chegar a un maior número de persoas todas as actividades e todo o que hai que facer no concello de Lourenzá. O certo é que hai distintas asociacións e moitas delas son moi activas, polo que poderíamos encher un calendario mensual de actividades bastante atractivo para un visitante que pase pola comarca e concretamente polo concello de Lourenzá”.