Lourenzá, 29 de outubro de 2013. Vilanova de Lourenzá acollerá este sábado, día 2 de novembro, dous actos para lembrar o nomeamento de Francisco Fernández del Riego como fillo predilecto do concello. Na xornada, á que asistirá o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, inaugurarase unha exposición e haberá unha charla coloquio sobre o escritor laurentino.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que as actividades previstas para o vindeiro sábado están incluídas dentro da programación deste ano dedicado a Fernández del Riego en Lourenzá, “actos que deron comezo no mes de maio conmemorando o Día das Letras Galegas, do que foi gran impulsor; seguiron o 25 de xullo, Día de Galicia, e rematarán o 26 deste mes de novembro, cando recordaremos a data do seu pasamento”.
Lupe Flórez anunciou que este sábado “vamos facer unha lembranza do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello de Lourenzá en novembro do 2011, para o que teremos dous actos fundamentais. O primeiro dará comezo ás doce da mañá na sala de exposicións da Casa do Concello, onde terá lugar a inauguración da exposición denominada Francisco Fernández del Riego, cos ollos do espírito. Centenario do nacemento 1913-2013. É unha mostra cedida pola Fundación Penzol que chega ao noso Concello para exhibirse nestas dependencias ata o venres 15 de novembro. Os horarios de visita serán de 17 a 20 horas. En canto a esta exposición destacamos a presenza do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e a presentación da mostra por parte da comisaria da mesma. Deseguido terá lugar unha charla coloquio no salón de actos da Casa do Concello baixo o título Galicia no espello. Reflexos de Francisco Fernández del Riego, na que distintos coñecedores e amigos persoais de don Paco esbozarán aos asistentes as súas diferentes facetas vitais: humana, familiar, literaria e académica. Dentro das presenzas xa confirmadas temos, por unha banda, ao laurentino Manuel Román Ramos, gran coñecedor de Francisco Fernández del Riego e coautor xunto a Xosé González de dous libros sobre a vida de don Paco: Lume aceso e Vivir unha vida; e, por outra banda, tamén temos confirmada a participación de Francisco Domínguez, que é o director da Fundación Penzol”.
A edil de Cultura lembrou “a importancia que ten para o desenrolo de todos estes actos no ano de Francisco Fernández del Riego, declarado polo Concello, o patrocinio e a colaboración da Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Cultura. E, por outra banda, nestes últimos actos, tanto no do Día de Galicia como nesta exposición que vamos ter en Lourenzá dende o 2 de novembro, da Fundación Penzol, que colabora desinteresadamente con estas actividades”.