O CONCELLO MELLORA OS PARQUES INFANTÍS PARA ADAPTALOS Á NOVA NORMATIVA DESAS INSTALACIÓNS. NO DO CANTÓN DE VILANOVA ACABAN DE REMATAR AS OBRAS

O Concello de Lourenzá, cunha subvención da Xunta de Galicia, está mellorando os parques infantís do municipio para adaptalos á nova normativa desas instalacións. No do Cantón de Vilanova acaban de rematar as obras.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “á area infantil que está situada no Cantón, o parque onde xogan os nenos habitualmente, acaba de ser remodelado. Colocamos uns novos equipos de xogo e tamén substituímos o pavimento existente por caucho continuo. Instalamos ademais un cartel con números de teléfono de urxencias e outros de interese, así como as idades para as que están destinados estes xogos. Esta actuación fixémola grazas a unha subvención para a execución de infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, pola cal a Xunta de Galicia aportou 22.500 euros para facer estas obras. O importe total do proxecto son 30.000 euros, polo que o Concello aportou 7.500 de fondos propios”.

A rexedora municipal engadiu que “tamén se levan a cabo actuacións noutros 6 parques: no da Avenida de Soutelo, ao carón do polideportivo; na capela da Gracia; na capela da O, en Canedo; na área de San Xorxe, na área de Santo Tomé e tamén en San Adriano, ao carón da antiga escola unitaria. Nestes parques as obras consisten na colocación de carteis, de vallas, melloras de accesibilidade e remover a area. Nalgún deles tamén se van recolocar os xogos. Isto faise para garantir a seguridade dos nosos nenos. Optamos por pedir esta subvención para que os nosos parques sexan seguros”.

Emma Álvarez destacou que “actuamos en case todos os parques do concello. A día de hoxe faltan dous por mellorar e que non foron obxecto desta subvención, que son o do Soutelo, máis coñecido como Ranchito, e o que hai en Oural. Nestes dous parques actuaremos dende o Concello e o que se fará é recolocar algúns dos xogos e tamén adaptar as barreiras, remover area e instalar vallas. Estas actuacións faranse unha vez remate a Festa da Faba e poidamos dispoñer de persoal para levalas a cabo. Agora están acondicionando o parque de San Xorxe e o de Santo Tomé, co cal esperamos que ao longo da semana que vén eses 7 parques queden definitivamente remodelados”.

O CONCELLO MELLORA OS PARQUES INFANTÍS PARA ADAPTALOS Á NOVA NORMATIVA DESAS INSTALACIÓNS. NO DO CANTÓN DE VILANOVA ACABAN DE REMATAR AS OBRAS