Lourenzá, 24 de xullo de 2018. Nestes días iniciáronse os traballos de mellora en varias beirarrúas do casco urbano de Lourenzá. Para a realización destas obras o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo, que fará unha achega de 40.000 euros.
A alcaldesa, Rocío López García, explicou hoxe que “os traballos que se están a levar a cabo consisten no picado e na demolición completa das baldosas e da soleira de formigón existentes, que se atopaban en malas condicións e reflectían un perigo para os peóns. Con esta actuación pretendemos modernizar e darlle un toque máis urbanizado a estas rúas do concello, pero sobre todo mellorar a seguridade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
A rexedora municipal anuncia ademais que “o Concello aproveitou tamén para substituír a antiga canalización de auga e de luz que discorría por estas beirarrúas por outras instalacións totalmente novas. Concretamente na rúa Muíño do Frade tamén se levará a cabo a instalación de novas luminarias de led, que proporcionarán unha maior iluminación en toda esta zona da vila”.
Rocío López destacou que “esta actuación era moi necesaria para Lourenzá, xa que se centra nas rúas mais concorridas do casco urbano. Son moitas as persoas que diariamente discorren por estas beirarrúas xa que son os principais puntos de paso para ir a lugares como o Centro de Saúde, distintos comercios locais, as oficinas municipais de Servizos Sociais ou mesmo a piscina municipal, moi concorrida agora, no verán”.
A alcaldesa e os concelleiros Ana Belén Martínez e Miguel Castrillón viron o desenvolvemento das obras na rúa Muíño do Frade.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Escoitar declaracións Alcaldesa | 1.39 MB |