O CONCELLO MELLORA VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS CUN INVESTIMENTO DE 113.740 EUROS

O Concello de Lourenzá está facendo obras para mellorar vías públicas municipais cun investimento de 113.740 euros. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Rocío López García, quen explicou que estes traballos fináncianse con fondos da Deputación Provincial, da Xunta e do propio Concello de Lourenzá.

A rexedora municipal especificou que “as actuacións levadas a cabo céntranse en tódalas parroquias, establecendo como prioridade aquelas vías que se atopaban nun peor estado de conservación. Estanse levando a cabo obras de mellora e mantemento de camiños de acceso a Cazolga, Villapol, Pantigueiras, Pereiro, Chiela, Rego don Sancho, Alaxe,… cun presuposto total de 40.535 euros, dos cales 29.122,40 euros son con cargo ao Plan Único, da Deputación Provincial, e 11.412,60 euros con achega do propio Concello. Tamén se están realizando as obras do Plan Marco de mellora e mantemento de camiños municipais cun presuposto total de 73.205 euros, dos cales Agader pon 58.324 euros e o Concello de Lourenzá 14.881 euros. Dentro desta partida as vías sobre as que se está actuando son as que discorren polos barrios de Recemil, en Sta María; a Costa e a Lavandeira, en San Xurxo; e o camiño das Redondas, en San Adriano”.

Rocío López comentou ademais que “a conservación das estradas é unha cuestión prioritaria e fundamental para este equipo de goberno, xa que é unha realidade que afecta ó día a día dos nosos veciños, que son os que discorren por esas vías a cotío. Somos conscientes de que hai aínda varias vías e camiños municipais que non se atopan nas condicións óptimas que deberán estar, pero con este tipo de actuacións esperamos ir chegando a todas elas. Neste sentido a planificación de cara a vindeiras obras vai dirixida aos distintos barrios do Concello para a mellora dos accesos e o firme das vías co obxectivo de atender as demandas e as peticións que nos trasladan os veciños e mellorar así a súa calidade de vida”.

A alcaldesa adianta que “dentro do Plan Único deste ano 2018 entre Concello de Lourenzá e Deputación de Lugo investiranse preto de 295.000 euros no noso municipio, dos cales 154.600 euros está previsto que vaian destinados a mellora de beirarrúas, camiños e vías públicas municipais”.

O CONCELLO MELLORA VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS CUN INVESTIMENTO DE 113.740 EUROS