O CONCELLO MELLORARÁ ESTRADAS DA REDE VIARIA MUNICIPAL EN TODAS AS PARROQUIAS CUN INVESTIMENTO DE 79.405 EUROS. AS OBRAS ESTARÁN REMATADAS NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2014

Lourenzá, 12 de outubro de 2013. O Concello de Lourenzá mellorará estradas da rede viaria municipal en todas as parroquias cun investimento de 79.405 euros. As obras estarán rematadas no primeiro semestre do vindeiro ano 2014, segundo anunciou o concelleiro Dino Vidal.

O edil delegado de Obras explicou que O Concello de Lourenzá “vai investir un total de 79.405,35 euros en acondicionamento e mellora do firme de distintos tramos da rede viaria municipal. Deste investimento 22.320,47 euros son con cargo a fondos propios do Concello, 12.701,68 proceden do Plan de Obras e Servizos da Excelentísima Deputación de Lugo e ademais 44.383,20 son do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal, da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia”.

Dino Vidal engadiu que “estas actuacións empezaranse nas vindeiras datas e estarán terminadas antes de acabar o primeiro semestre de 2014. Faranse melloras en todas as parroquias, a destacar principalmente, porque son as que máis investimento levan: os accesos ás vivendas sociais; a reparación da estrada de Adellao, que se encontra bastante estragada, en gran parte debido á extracción de madeira, polo que dende o Concello xa se lle comunicou á empresa extractora a convocatoria dunha reunión con técnicos do Concello para a valoración dos danos, na que se espera chegar a unha solución satisfactoria para ambas partes; e outros viais de todo o municipio”.

Con estas obras o equipo de goberno de Lourenzá espera “mellorar en parte varios dos problemas das nosas estradas municipais”, rematou comentando o concelleiro de Obras.

Escoitar declaracións