O Concello de Lourenzá vén de realizar obras de mellora en varias estradas das parroquias de Santo Tomé e San Adriano. Os traballos consistiron na mellora do firme, que era de rego asfáltico e substituíuse por outro de aglomerado en quente. Ademais das melloras no pavimento a obra tamén inclúe o pintado das marcas viarias continuas e descontinuas desas vías.
As actuacións leváronse a cabo nas seguintes vías: Camiño da Igrexa de San Adriano a Chacote, de Chacote a Liñares e de Carballal a Camiño A. Estas obras están financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación de 2020 e o seu importe ascende a 145.190 euros.
A alcaldesa, Rocío López, explica que son “unhas vías moi transitadas diariamente, tanto por peóns como por vehículos, polo que optamos por melloralas con aglomerado en quente xa que é moito máis resistente e ten unha maior durabilidade no tempo”
Rocío López destaca que “esta intervención é un paso máis nese proxecto para as infraestruturas do rural que temos por diante de cara á mellora dos servizos aos cidadáns que viven nel”.