Lourenzá, 29 de novembro de 2012. O Concello instalou nova sinalización en varias rúas de Vilanova de Lourenzá para mellorar a circulación dos vehículos e evitar retencións. Estes cambios no tráfico, que deu a coñecer hoxe o concelleiro de Obras, Dino Vidal, foron acordados polo pleno da corporación municipal.
“Puxéronse sinais de dirección prohibida na rúa Doctor Rubiños á entrada por Rego Vilazo, que queda en dirección única, e á entrada á Praza Liñares Rivas tamén se lle puxo dirección prohibida dende a Avenida de Mondoñedo e Travesía da Mariña”, explicou Dino Vidal, quen tamén comentou que “reduciuse a velocidade de 70 a 50 na entrada de Lourenzá, na rúa Calvo Sotelo”.
Ademais o Concello de Lourenzá habilitará aparcamentos para persoas con discapacidade e estacionamentos en batería xunto ao centro de saúde. “Témolo pendente porque o tempo non axuda nestes momentos para pintar a sinalización horizontal deses aparcamentos, pois debemos esperar a que o solo estea seco”, aclarou o concelleiro de Obras.
Os cambios no tráfico en Vilanova de Lourenzá “fixéronse debido ás interrupcións na circulación que había para entrar cara a Praza de Liñares Rivas, acumulábanse os coches e atrancaban a estrada que é a antiga Nacional 634, o que entorpecía bastante o tráfico. E así solucionamos este problema”, explicou Dino Vidal.