O CONCELLO ORGANIZA ACTIVIDADES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO DESDE ESTE MARTES ATA O SÁBADO

O Concello de Lourenzá organiza desde mañá, martes, ata este sábado, día 26, varias actividades co lema Saca tarxeta vermella contra violencia de xénero.

A alcaldesa, Rocío López, anuncia: “este ano queremos reservar toda a semana para visualizar e reivindicar esta lacra social que segue presente na nosa sociedade. A través de distintas actividades tentaremos concienciar á veciñanza da importancia que ten recoñecer esta realidade e do necesario que é loitar contra ela para así poder erradicala. A programación das actividades faise conxuntamente pola Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Mercedes Dengra e a Concellería de Deportes, da que é responsable Sonia Gavino”.

A rexedora municipal engade que “o martes e o mércores no taller de memoria o alumnado lerá testemuñas de varias persoas que sufriron algún tipo de violencia e despois haberá un coloquio para intercambiar opinións. O xoves 24 no Salón de Actos do Concello ás 17:00 horas proxectarase a película En tierra de hombres, para todos aqueles que queiran asistir. Este ano, baixo o lema Saca tarxeta vermella contra violencia de xénero, o deporte tamén estará presente nesta loita: o sábado 26 pola mañá no campo de fútbol de Santa Cruz os deportistas da sección infantil de fútbol das Escolas Deportivas de Lourenzá vestirán unha camiseta co lema Non a violencia no partido que disputarán co Piringalla de Lugo. Antes de comezar o partido lerase un manifesto e inaugurarase un mural contra violencia de xénero no muro das instalacións do campo”.

Rocío López remata comentando que “a maiores de todo isto os días 9 e 11 de xaneiro haberá unha actividade de prevención de situacións de violencia de xénero: curso de defensa persoal e autocapacidades. É un curso de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara a diversas situacións, que organiza a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta”.