O CONCELLO ORGANIZA DOUS CONCURSOS INFANTÍS DE NADAL: UN DE POSTAIS E OUTRO DE POESÍA

Lourenzá, 25 de novembro de 2014. O Concello de Lourenzá presentou hoxe as bases para participar nos dous concursos infantís de Nadal que mantén abertos. Os nenos e rapaces do municipio poderán participar tanto no Concurso de Postais de Nadal, que se celebra por primeira vez no municipio, coma no xa tradicional Certame de Poesía. Nos dous casos, os traballos deberán ser entregados na Biblioteca Pública e sometidos ó veredicto dun xurado formado por técnicos da área de Cultura do Concello. O prazo para entregar os poemas de Nadal remata o día 22 de decembro, mentres que a data elixida para presentar as postais será o vindeiro mércores 10 de decembro. Haberá tres gañadores para o concurso de poesía e un para o de postais.

A concelleira Lupe Flórez Seivane anunciou que “dende a Concellería de Educación do Concello de Lourenzá vimos de convocar dous concursos infantís. Por unha parte presentamos a primeira edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal, na que poderán participar tódolos nenos e rapaces laurentinos de ata 14 anos incluídos que así o desexen. A temática das postais terá que facer alusión a motivos do Nadal, aínda que tamén se vai ter en conta que inclúan algún elemento propio de Lourenzá, ben sexa de carácter arquitectónico, cultural, lúdico, etcétera. Deberán presentarse en tamaño cartolina A-5, medio folio, e pola parte de atrás deberán recollerse os datos da persoa que elaborou ese traballo. A técnica empregada é libre e o premio vai a consistir na entrega dun vale de compra de 50 euros para gastar nos comercios asociados de ACIAL”.

Lupe Flórez engadiu que “a postal gañadora, xa que só haberá unha seleccionada, vai ser a que empregue o Concello de Lourenzá en formato dixital para felicitar as vindeiras festas de Nadal a tódolos organismos que ten por costume facelo. O prazo de presentación das postais rematará o mércores 10 de decembro na Biblioteca Municipal e o xurado estará composto por membros da área de Educación e Cultura do Concello, membros da directiva de ACIAL, que é a outra entidade que organiza o concurso e concede a cantidade económica do mesmo, e por un representante do CEIP Juan Rey, de Lourenzá. A entrega do premio deste concurso vai a ser durante a celebración do Mercado de Nadal que organiza a ACIAL laurentina. A data e hora van a ser comunicadas o día 12 de decembro, que será cando a través dunha nota de prensa o xurado faga público o seu veredicto”.

Flórez anunciou ademais que “tamén presentamos o tradicional Certame de Poesía Infantil Nadal 2014, que se convoca a través da Biblioteca Pública Municipal Juana de Ibarbourou e no cal os gañadores van a ir á fase provincial que convoca a Biblioteca Provincial de Lugo. Neste caso, no certame de poesía infantil, poderán participar todos aqueles nenos que o desexen con poemas co tema xenérico do Nadal. Haberá tres categorías coma tódolos anos: a primeira, ata 8 anos; a segunda, de 9 a 11; e a terceira, de 12 a 16 anos. Cada autor poderá presentar o número de traballos que desexe e estes deberán ser entregados na Biblioteca Pública Municipal de Lourenzá coma data límite o día 22 de decembro de 2014. Un xurado formado por distintas persoas da Área de Educación e Cultura do Concello de Lourenzá escollerá tres traballos en cada unha das categorías. Estes traballos premiados irán á fase provincial, na que esperamos que teñan sorte, coma noutras ocasións. O fallo do xurado local terá que ser feito público na primeira quincena do mes de xaneiro de 2015 e tódolos traballos que se presenten pasarán a ser propiedade da Biblioteca, que se reserva o dereito de publicar os mesmos”.

Descargar bases

O CONCELLO ORGANIZA DOUS CONCURSOS INFANTÍS DE NADAL: UN DE POSTAIS E OUTRO DE POESÍA