O CONCELLO ORGANIZA A FESTA DO MAIO O VINDEIRO MARTES CON PREMIOS PARA O MELLOR ADORNO DE BALCÓN, XANELA OU LOCAL COMERCIAL

O Concello de Lourenzá organiza o vindeiro martes, día 1 de maio, a tradicional Festa do Maio que se celebrará en Vilanova. Haberá premios para o mellor adorno de balcón, xanela ou local comercial e na Praza do Conde Santo ás sete da tarde terá lugar a actuación da Banda de Luis Vallecillo.

A alcaldesa, Rocío López, anuncia que “o próximo martes, día 1 de maio, celebramos un ano máis a tradicional Festa dos Maios de Lourenzá. Ás catro e media da tarde terá lugar a saída da Madalena do Mercado Comarcal Gandeiro para facer un percorrido polas principais rúas da vila chegando ao Cantón. Unha vez rematado o percorrido entregaranse os premios ao mellor adorno de balcón, xanela ou local comercial e tamén os premios do terceiro concurso Unha postal para mamá, organizado pola asociación de comerciantes e autónomos ACIAL de Lourenzá”.

Rocío López engade que “para rematar esta xornada festiva terá lugar, na Praza do Conde Santo, unha actuación da Banda de Luis Vallecillo co espectáculo Cantamos un conto, actuación enmarcada no programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia. Durante toda a xornada os tradicionais maios estarán situados na Praza do Conde Santo. Estes maios son feitos de maneira artesanal polos veciños e veciñas do concello”.

A rexedora invita “a todos a participar un ano máis nesta festa tradicional. Queremos facer un chamamento aos veciños e ás veciñas para que decoren os seus balcóns, as súas xanelas e os locais comerciais con flores e plantas enchendo de colorido as rúas de Lourenzá e facendo honra á festividade da primavera. A experiencia do ano pasado, no que facíamos xa ese chamamento, foi moi positiva e foron moitos os laurentinos que se animaron e que engalanaron as súas vivendas neste primeiro de maio”.

A alcaldesa subliña que “esta cita tan tradicional forma parte da nosa cultura e da nosa identidade e polo tanto é unha labor de todos e moi importante mantela viva no tempo para que se vaia transmitindo de xeración en xeración e que non se vaia perdendo”.

Rocío López quere “dende o goberno de Lourenzá agradecer a colaboración de todos os veciños e de todas as veciñas que cada ano nos axudan na preparación desta festa. Tamén destacamos a colaboración da asociación de comerciantes e autónomos de Lourenzá (ACIAL), dos integrantes do servizo de Protección Civil e dos traballadores municipais, que contribúen á realización deste evento”.

A rexedora invita “a todos a participar nesta cita e achegarse a ver unha festa tan tradicional como é Os Maios de Lourenzá, que non hai en moitos lugares, non só da comarca senón da provincia”.

O CONCELLO ORGANIZA A FESTA DO MAIO O VINDEIRO MARTES CON PREMIOS PARA O MELLOR ADORNO DE BALCÓN, XANELA OU LOCAL COMERCIAL