O CONCELLO ORGANIZA A FESTA DO MAIO PARA O DOMINGO, DÍA 1

O Concello de Lourenzá organiza a Festa do Maio que se celebrará o día 1 do vindeiro mes, domingo. A programación do festexo inclúe o tradicional desfile polas rúas de Vilanova e dous concursos convocados pola Concellería de Cultura: un de decoración de vivendas e comercios e o outro de sombreiros.

No concurso de decoración participarán aquelas vivendas e comercios que decoren os seus balcóns, fiestras, portais e escaparates das rúas por onde tradicionalmente se fai o percorrido do desfile. Na decoración deben predominar os elementos naturais e facer referencia á conmemoración do Maio ou da primavera. Hai dous premios, que consistirán en trofeos deseñados e elaborados pola Fundación Eu Son.

No segundo certame poderán participar todas as persoas que asistan co seu sombreiro decorado ao desfile do 1 de maio. Pode realizarse con materiais diversos e deben facer referencia á data que se celebra. Os concursantes percorrerán as rúas da vila lucindo os seus sombreiros acompañando ao Maio, que sairá ás 16:30 horas do mercado gandeiro. Ao remate do percorrido farase un desfile no Cantón cos sombreiros participantes e un xurado emitirá o seu veredicto. Establécense dúas categorías: infantil, para nenos e nenas ata 12 anos; e adultos e haberá un premio para cada unha, que consisten en trofeos deseñados e elaborados pola Fundación Eu Son.  
 
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que o día 1 de maio celebrarase “o tradicional desfile dos Maios polas rúas de Lourenzá. Haberá concursos de balcóns e escaparates e tamén de sombreiros, con premios para os máis fermosos e orixinais. A saída do Maio será ás 16:30 horas do recinto feiral e os participantes percorrerán as rúas da vila acompañados pola música da asociación cultural Osorio Gutiérrez. Ao remate, no quiosco do Cantón haberá unha actuación da Banda de Música de Lourenzá. Dende o Concello animamos a tod@s @s veciñ@s a participar nos concursos e engalanar as súas fiestras e balcóns nun día coma este. Agradecemos toda a colaboración da xente e das asociacións que nos axudan á elaboración dos Maios e que participan neste desfile do Maio con nós”.