O Concello de Lourenzá organiza o segundo campionato de parchís por parellas para adultos. O prazo de inscrición está aberto ata o día 28 deste mes.
A alcaldesa, Rocío López, anunciou que “tras o éxito do primeiro campionato de parchís, o Concello de Lourenzá abre o prazo de inscricións para a segunda edición. As persoas interesadas en participar poderán anotarse ato o 28 de outubro na biblioteca municipal en horario de cinco a oito da tarde. A primeira edición tivo moi boa acollida por parte dos veciños e foron varias as parellas que participaron. Así as persoas que xogaron o campionato anterior afirman que neste volverán facelo. Esperamos que nesta ocasión o resto da xente se anime e a participación siga en aumento”.
A rexedora municipal tamén explicou que “o Concello de Lourenzá pretende, coa posta en marcha de iniciativas coma esta, fomentar a reunión en sociedade dos veciños e conseguir que haxa un nexo de unión entre eles. En pobos coma Lourenzá, onde de inverno non hai moitas alternativas para o tempo libre, actividades coma esta son ben recibidas polos veciños. Unha partida de parchís da xogo para moitas risas e para moitos intercambios de experiencias”.